Chega a Viveiro o 11 de marzo "Balor na acción dunha cadeira", de Roi Fernández. A representación será no Teatro Pastor Díaz.

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle este sábado, 11 de marzo, a representación teatral “Balor na acción dunha cadeira”, de Artesacía. Será ás 20:30 horas. Trátase dunha obra de teatro contemporáneo de 70 minutos de duración que está dirixida por Roi Fernández. O elenco artístico está composto por Laura Villaverde, Simón Piñón e Roi Fernández. 

Quen seriamos nós se fosemos quen de recuperar as imaxes que os nosos antergos percibiron e retiveron breves segundos, sen que a memoria conseguira rexistralas?
Cal é a orixe da nosa dinastía interior e profunda?

“Balor na acción dunha cadeira” é o proceso multidisciplinar de reconstrución do pensamento de O Pernas, un emigrante real que marchou de Sada a New York en 1910, perseguindo o destello enfeitizante do cometa Halley, e rematou perdido na escuridade da historia case 90 anos.