A comisión das festas patronais de Ribadeo amplía o programa de actividades para o 6 de setembro cun concerto de Claxxon e a actuación de Os Charangos.

A comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo, que é a Asociación Cultural Santa María do Campo e San Roque, decidiu ampliar o programa de actividades para o día 6 de setembro, mércores, cun concerto do grupo Claxxon no Cantón dos Moreno a partir das 22:30 horas e actuación da charanga Os Charangos, que percorrerá as rúas da vila desde as seis e media da tarde ata as dez e media da noite. 

Ademais para a xornada do 6 de setembro mantéñense as actividades que xa estaban programadas: o Día Infantil a partir das 16:30 horas no Cantón, co Parque Diverneno, que incluirá tobogán de auga, taller de chapas, inchables e festa da espuma. E ás 20:30 horas no Quiosco da Música do parque de San Francisco presentarase o cuarto disco CD de José Pulpeiro Doval O Gallopín.

O programa dos festexos patronais ribadenses inclúe tamén que do 31 de agosto ao 3 de setembro celebrarase o primeiro Torneo de Pádel Festas Patronais de Ribadeo organizado polo Club de Tenis. O 2 de setembro, sábado, ás 20:30 horas no Cine Teatro terá lugar o pregón das festas a cargo de Celia Castro Fernández , catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo. Deseguido actuará a Coral Polifónica de Ribadeo. Ese día tamén se celebrará unha carreira popular organizada polo Club Atletismo Ribadeo en colaboración con comisión de festas da vila.

O 7 de setembro, véspera da patroa, ás 11:30 horas sairán os Cocos e Cabezudos desde a Oficina de Turismo, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. A partir das 19:30 horas haberá pasacalles a cargo do grupo de música tradicional Tirapadiante. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e La Ocaband. Ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.

O día da patroa, 8 de setembro, ás 12 do mediodía haberá misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión y despois concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas comezará a festa verbena, que estará amenizada polas orquestras D´Moda e Venezia.

E o 9 de setembro das cinco ás sete da tarde no Cantón haberá actividades dirixidas polo persoal do Centro Deportivo Ribadeo Be One. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena coas orquestras Nueva Fuerza e Alma Latina.