A comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo empezou a recollida de donativos polos domicilios. E anuncia que o Mercado Pirata será do 16 ao 22 de agosto no parque.

A comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo e San Roque, empezou a recoller donativos polos domicilios. Ademais anuncia que o Mercado Pirata celebrarase do 16 ao 22 de agosto no parque de San Francisco.

Os membros da asociación cultural Santa María do Campo e San Roque, colectivo que organiza as festas patronais de Ribadeo, comezaron esta semana a campaña de recollida de donativos para os festexos polos domicilios ribadenses. Solicitan a colaboración dos veciños e veciñas porque a comisión está formada por poucos membros e orzamento das festas é elevado. Ademais explican que as persoas que non estean nas súas vivendas cando pasan a solicitarlles o donativo e queiran colaborar cos festexos poden facelo poñéndose en contacto con calquera membro da comisión ou ingresalo na conta que ten o colectivo na sucursal de Caixa Rural en Ribadeo ou ben entregalo no Estanco Luxen, que está na rúa Deputación, número 21, da vila ribadense.

Por outra parte, o Mercado Pirata, incluído na programación das festas patronais de Ribadeo como en anos anteriores, celebrarase do 16 ao 22 agosto, aínda que no libro programa das festas aparecen outras datas. Tiveron que cambiar os días desta actividade por causas alleas á comisión.