A compañía Elefante Elegante representa a obra de teatro familiar Cubo en Ribadeo este domingo, 25 de febreiro

A compañía Elefante Elegante representará a obra de teatro familiar titulada Cubo este domingo, 25 de febreiro, en Ribadeo. Será no auditorio municipal Hernán Naval ás 17:30 horas.

É unha creación destinada ao público familiar e infantil, a partir dos 4 anos preferentemente. O espectáculo ten orixe na abstracción desta figura xeométrica e parte da situación de confinamento para evocar a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar.

A estrutura escenográfica ten 2 metros de lado e as súas caras ábrense, péchanse, móntanse e desmóntanse. A figura xeométrica de 8 metros cúbicos é incriblemente sólida para soportar os corpos dos intérpretes e maxicamente lixeira para erguerse e xirar polo escenario como un enorme xoguete de madeira.