A Concellería de Deportes de Burela oferta 55 prazas nas actividades de verán para nen@s nados entre 2005 e 2012. Inscrición aberta do 26 ao 29 de xuño.

A Concellería de Deportes oferta un total de 55 prazas nas actividades de verán para @s nen@s nad@s entre os anos 2005 e 2012 e que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto. A inscrición estará aberta do 26 ao 29 de xuño e a lista de admitidos publicarase o día 30. 

O técnico municipal de Deportes, Iván Cao Lucas contou que “presentamos hoxe as actividades de verán que vai haber durante os meses de xullo e agosto. Como en anos anteriores haberá varias como son patinaxe, xogos tradicionais e multideporte, xogos na praia e baloncesto coa axuda do Club Baloncesto Burela”.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explicou que “son actividades que van destinadas para nenos e nenas de Burela nacidos entre os anos 2005 e 2012. A inscrición empezará o vindeiro luns, 26 de xuño, e rematará o 29 e xa o venres 30 sairán as listas definitivas dos nenos admitidos”.

Fernández Rey dixo que “cada actividade ten o seu día. Por exemplo, o luns teremos patinaxe no pavillón dos Castros, o martes multideporte e xogos tradicionais tamén no pavillón dos Castros, o mércores e o venres teríamos xogos na praia urbana, e xoves baloncesto no pavillón dos Castros”.

E o técnico de Deportes engadiu que “o horario será de 10:15 a 11:30 horas para os máis pequenos, os de 5 a 7 anos, tramo no que hai 15 prazas. De 11:00 a 12:45 horas será para o grupo de 8 a 9 anos, no que hai 20 prazas. E o último grupo será de 12:45 a 14:00 horas a partir dos 10 anos e no que hai outras 20 prazas. Todo isto dependerá das inscricións e dos nenos que haxa para poder modificarse. Son actividades gratuítas para disfrute e goce de todos os nenos e nenas de Burela”.

Ramiro Fernández Rey e Iván Cao presentaron esta mañá as actividades de verán na praza do Concello. Darán comezo o 4 de xullo e rematarán o 26 de agosto.