As Concellerías de Medio Ambiente e Turismo de Barreiros organizan unha nova peregrinación. A deste ano será entre Compostela e Fisterra. Empezará o 5 de maio.

As Concellerías de Turismo e Medio Ambiente organizan unha nova peregrinación que este ano será entre Compostela e Fisterra-Muxía. Dividirase en cinco etapas de 18 quilómetros cada unha delas, e a primeira será o 5 de maio. As persoas interesadas poden anotarse nas dependencias do Concello ou chamando ao teléfono 618 75 25 60. 

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, anunciou que “nesta ocasión imos facer o camiño de Fisterra a Muxía, empezamos en Santiago e acabaremos en Fisterra, e despois iremos a Muxía, pero iso será máis adiante en setembro”.

Gómez Puente sinala que “as persoas interesadas en participar nesta nova peregrinación poden chamar ao 618 75 25 60, que é o meu teléfono, ou achegarse persoalmente ao Concello de Barreiros”.

O edil barreirense explica que “comezaremos o día 5 de maio, en total facemos 88 quilómetros e dividímolos en 18 quilómetros cada etapa, co cal serán cinco etapas. Ímolo facer en sábados alternos para facilitar a convivencia familiar e non apurarnos. Sairemos da Praza do Obradoiro e iremos en dirección a Fisterra. A primeira etapa será de 18 quilómetros, e serán máis ou menos así, 18 quilómetros cada unha, para non facelo moi pesado. Decidímolo así para facelo máis cómodo”.

José Manuel Gómez engadiu que “o prezo é de 55 euros por persoa, que é o que nos vai custar o autobús. Son 2.200 euros a viaxe en autobús e calculo que seremos 40, que máis ou menos é o habitual, co cal saímos a 55 euros por persoa. Como mínimo teñen que participar 40 persoas para que sexa unha viaxe, como de costume, con boa participación e para repartir un pouco os gastos entre todos. O Concello asume o gasto da última viaxe que será a que faremos en setembro a Muxía”.

O concelleiro de Medio Ambiente en Barreiros animou aos veciños e veciñas a participar nesta  nova peregrinación: “quedan dúas semanas para empezar a primeira etapa co cal hai que planificalo con tempo. A xente xa se vai enterando e o grupo que foi o ano pasado tamén se vai animando. Hai autobús para levar 55 prazas, pero con 40 xa me dou por satisfeito. Xa temos 30 persoas apuntadas así que quedan dez para poder dicir que facemos a peregrinación”.

Esta actividade foi presentada hoxe por José Manuel Gómez Puente e polo alcalde, Alfonso Fuente Parga.