Corenta pilotos e milleiros de afeccionados se darán cita os días 3 e 4 de xuño na VI Subida á Pontenova, que patrocina a Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente da Escudaría A Pontenova, Manuel Díaz, presentou a sexta edición da Subida á Pontenova, que terá lugar durante a fin de semana do 3 e 4 de xuño. Un evento deportivo que, pese ao seu recente nacemento, no ano 2011, xa se ten convertido nunha das competicións máis espectaculares do calendario autonómico, como proba puntuable para o Campionato Galego de Montaña.

O Goberno da Deputación decidiu colaborar na organización desta popular subida cunha achega de 7.000 euros para promover o turismo e dinamizar a economía da localidade mariñá, posto que o evento reunirá a uns corenta pilotos e milleiros de afeccionados, chegados de toda a xeografía galega e das localidades veciñas de Asturias e Castela e León, entre os que se atopan grandes nomes como o campión galego, Luis Vilariño, que tamén participou no acto de hoxe.

Campos Conde subliñou que “este ano decidimos incrementar á axuda para a organización da Subida pontenovesa, posto que consideramos que se trata dun evento de gran relevancia tanto para o Concello como para o conxunto da Mariña Lucense, pois miles de afeccionados se achegarán durante a fin de semana a vivir a emoción deste evento automobilístico, o que suporá un importante retorno económico.Deste xeito, reforzamos a nosa aposta polo deporte do motor como atractivo turístico que promove e dinamiza a economía da provincia”.

O Presidente do Executivo Provincial e Alcalde da Pontenova lembrou que “dende o Goberno da Deputación mantemos un firme compromiso co automobilismo e, proba disto, é o noso apoio incondicional ás catro probas que se organizan por excelencia na provincia, como son o Rali San Froilán, o Rali Comarca da Ulloa, a Subida a Chantada e a Subida á Pontenova”.

Campos Conde engadiu que “apostamos polo mundo do motor como reclamo para atraer a milleiros de persoas, dinamizando a economía dos nosos Concellos. Deste xeito, investimos un total de 137.000 euros en achegas ao deporte automobilístico, engadindo á organización das probas mencionadas, as axudas pioneiras para pilotos de rali lucenses e a celebración do Volante Deputación”.

Programa
Sábado 3 Xuño
09:30 horas. Apertura Parque Pechado. Praza dos Fornos.
09:00 a 12:00 horas. Verificacións Administrativas. Casa da Cultura.
09:30 a 12:30 horas. Verificacións Técnicas. Praza dos Fornos.
14:00 horas. Publicación Lista Autorizados a tomala saída. Taboleiro Oficial de Avisos (Casa da Cultura)
15:30 horas. Presentación Pilotos Parque Pechado. Praza dos Fornos
16:00 horas. Presentación Pilotos en Parque Pre-saída. Saída Treito. Estrada LU-4803
16:30 horas. Saída 1ª manga de Adestramentos
Seguido. 1ª Manga Oficial. Saída Treito. Estrada LU-4803
Seguido. 2ª Manga Oficial. Saída Treito. Estrada LU-4803

Domingo 4 Xuño
08:30 horas. Presentación Pilotos Parque Pechado. Praza dos Fornos.
09:00 horas. Presentación Pilotos en Parque Pre-saída. Saída Treito. Estrada LU-4803
10:00 horas. Saída 2ª manga de Adestramentos. Saída Treito. Estrada LU-4803
Seguido Saída 3ª Subida Oficial. Saída Treito. Estrada LU-4803
Seguido Saída 4ª Subida Oficial. Saída Treito. Estrada LU-4803
15:00 horas. Entrada parque pechado. Praza dos Fornos.
15:15 horas. Verificacións de Oficio. Talleres Santa Apolonia, 75
15:30 horas. Publicación de resultados. Taboleiro Oficial de Avisos(Casa da Cultura)
15:45 horas. Rolda de prensa dos tres primeiros clasificados, carrozados e non carrozados. Casa da Cultura.
16:15 horas. Entrega de Premios e Trofeos. Casa da Cultura.