Cunha narración oral para xente adulta remata en Foz o Outubro Literario, que organiza Libraría Bahía. Será o 28 deste mes.

Desde Libraría Bahía explican que “contamos coa presenza de escritores importantes da nosa lingua como Susana Sánchez Arins, Manuel Gago, Xurxo Mariño e Luisa Martínez aos que poidemos escoitar intercambiar, explicar e compartir a súa experiencia  e a súa tarefa, levados da man da filóloga María Liñeira, que actuou como moderadora. Un formato ao que non adoitamos ter moito acceso en vilas como a nosa e que foi moi apreciado polo público, tamén polos escritores e escritoras participantes. Pola súa banda,  as pícaras e pícaros tiveron a súa ración de literatura da man da escritora e contadora Charo Pita, que estivo con nós o pasado sábado 23”.

E engaden: “rematamos este Outubro Literario cunha proposta distinta, pero que complementa moi ben as anteriores. Trátase dunha sesión de narración oral para persoas adultas. Nesta ocasión é a contadora Ángeles Goás, orixinaria da Terra Chá, visitante habitual da nosa vila e gran narradora a que estará na Libraría Bahía de Foz o xoves, día 28, ás oito e media da tarde cun Asubío de contos, para poñer o broche ao Outubro Literario”.