A Deputación de Lugo dinamiza a actividade cultural do Vicedo coa actuación musical de Lucus Ensemble o 11 de novembro.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto ao Alcalde do Vicedo, José Jesús Novo Martínez, presentou a actuación musical de Lucus Ensemble que terá lugar o vindeiro sábado 11, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura do concello mariñán.O Goberno da Deputación fai posible a celebracióndesta actividade grazas a unha achega de 1.500 euros, co obxectivo de dinamizar a vida social e cultural deste municipio e da súa contorna.

García Porto subliñou que “nesta anualidade destinamos preto de 8.000 euros á organización de eventos lúdicos e culturais no Vicedo, entre os que se atopan o Xuvenlugo, xogos tradicionais na Festa dos Avós e Netos, e esta actuación de Lucus Ensemble que hoxe presentamos. Así mesmo, promovemos as prospeccións arqueolóxicas en Moutillóns e Coelleira. Todo isto co obxectivo de colaborar co Concello na posta en marcha de actuacións destinadas a dinamizar a vida social e cultural da vila”.

O concerto celebrarase na Casa da Cultura do municipio mariñán e a entrada será totalmente de balde. Esta actuación enmárcase na programación cultural de outono do Concello do Vicedo. Se o mes de outubro foi predominantemente teatral, este mes de novembro a música encherá o salón de actos da Casa da Cultura coa actuación desta formación musical de gran relevo na provincia de Lugo.

Lucus Ensemble
Lucus Ensemble é unha agrupación musical mixta de vento e corda formada por músicos vinculados á cidade de Lugo.Os integrantes do grupo son Santiago Noriega, Adrián Balboa, Moisés López, Miguel Díaz, Araceli Martínez, Tania Balboa,Pablo González,Mateo Bande, Daría De Lamo, Patricia Vega, María Losada,Xosé Fernández, Cristina Díaz, Carlos Vázquez, Alejandro Troya e Cristina Nogueira.

Lucus Ensemble nace en Lugo no ano 2014.Despois de coincidir en diversos concertos benéficos, un grupo de músicos con ampla experiencia pensan na posibilidade de crear unha formación estable na capital lucense para o desenvolvemento de proxectos musicais adaptados para un ensemble mixto de vento, corda e percusión baixo a dirección musical de Alejandro Troya. Este farase cargo tamén, xunto con outros membros da agrupación, de ultimar as adaptacións e arranxos necesarios do programa, sendo esta unha das características identificativas do grupo, xa que todo o repertorio está arranxado por e para o Ensemble.