Do 11 ao 16 de xullo celébranse en San Ciprián as festas na honra da Virxe do Carme con moitas actividades.

Este xoves, 11 de xullo, dan comezo en San Ciprián as súas Festas do Carme, que se prolongarán ata o día 16.

O primeiro día das festas ás 21:00 horas haberá teatro coa actuación do grupo O Bordelo de Cervo que representará a obra Toluras de proveito. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura.

O venres, 12 de xullo, ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, haberá outra representación teatral co grupo Ardora de San Ciprián, que porá en escena a obra O silenzo do Badal. A partir das 00:00, na praza dos Campos, celebrarase unha actuación musical.

O sábado, 13 de xullo, ás 21:00 horas, comezará un concerto de corais, na igrexa de Santa María, no que intervirán a Coral Polifónica de Monforte de Lemos, a Coral Polifónica Sons do Farelo de Antas de Ulla e a Coral Polifónica do CIT de San Ciprián, que organiza o evento. A música seguirá, a partir das 00:00 horas, na  praza dos Campos.

O domingo, 14 de xullo, ás 22:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, ofrecerán un concerto de música dos 80 Los Indecisos.

O luns, 15 de xullo, ás 14:00 horas, haberá sesión vermú co grupo Arizona. Ás 21:00 horas celebrarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Lieiro con posterior procesión que estará acompañada pola Agrupación Musical Dambara-San Inocencio de Burela. Ás 23:30 horas, na praza dos Campos, actuarán en concerto The Vacas e o grupo Arizona.

O martes, 16 de xullo, ás 11:00 horas, será o chupinazo e pasarrúas do grupo A Rebolaxe de San Ciprián. Ás 12:00 horas, no peirao, celebrarase unha misa e de seguido unha ofrenda floral e procesión acompañada polo grupo A Rebolaxe. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú coa orquestra Acordes. Ás 20:30 horas, na praza dos Campos, terá lugar unha exhibición de baile tradicional infantil a cargo do grupo Mistura. Finalmente, ás 23:00 horas na praza dos Campos, haberá verbena coa orquestra Acordes e o grupo Clan Zero.