Do 14 ao 16 de decembro celebrarase en Xove un curso para a promoción turística na era covid-19. Está organizado pola Mancomunidade.

Dezaseis profesionais mariñáns do turismo asistiron do 16 ao 18 deste mes en Foz a un curso de formación sobre Comunicación dixital, márketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19. O obxectivo é mellorar a visibilidade e o posicionamento da Mariña, dos concellos e das empresas turísticas que integran esta comarca. A segunda edición será en Xove a mediados de decembro. 

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “a raíz da crise provocada polo Covid-19, da forte necesidade de adaptarse ao mundo dixital e de ser un destino competitivo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, ao abeiro do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e das accións propostas para a reactivación do sector, organizou este curso de formación, que tivo lugar os días 16, 17 e 18 de novembro en Foz e no que participaron un total de 16 profesionais do turismo do xeodestino. A formación de 15 horas de duración foi impartida por Cristina Collazo, especialista en márketing online e comunicación para o sector turístico e cultural, con máis de 15 anos de experiencia en márketing e comunicación turística e directora dunha empresa de turismo activo de Galicia”. 

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, contou que “o obxectivo deste curso é mellorar a visibilidade e o posicionamento do xeodestino, dos concellos e das empresas turísticas que o integran. Destinado ao persoal técnico dos concellos e ás pequenas e medianas empresas do sector turístico da comarca, os asistentes contarán cun acompañamento estratéxico por parte da formadora co que poder poñer en práctica o aprendido e así aplicar ditos coñecementos aos seus proxectos”. 

Hermida sinalou que “durante o curso capacitouse aos alumnos para ter unha imaxe global das principias ferramentas de márketing e comercialización online, do seu uso e de como poden axudar a dar a coñecer ou mellorar a imaxe de marca dun proxecto. Traballouse nalgunhas destas ferramentas para ver utilidades prácticas e tamén ensinóuselles a utilizar ferramentas de redes sociais, posicionamento web, campañas de ads en redes sociais e Google adwords, campañas de email marketing, ferramentas específicas de turismo así como plataformas de comercialización. Tamén analítica de datos, para sacar rendemento deles e aproveitar mellor o traballo en márketing online”. 

Cajoto dixo que “este curso abordouse dende unha perspectiva eminentemente práctica, configurando grupos de traballo entre os participantes, para abordar sobre casos prácticos da propia Mariña Lucense facendo uso das ferramentas que se explicaron e sendo capaces de elaborar, ao longo das tres xornadas do curso, un boceto dun plan de márketing e de accións de cada caso práctico, con definición de produto turístico, destinatarios, plataformas de difusión comunicativa, comercialización, análise de resultados, etc”.  

Desde a Mancomunidade anuncian unha segunda edición deste curso para a vindeiro mes de decembro: “debido á boa acollida que tivo o curso e ás restricións de aforo existentes pola situación actual, que ocasionaron que non puidesen asistir a esta primeira edición en Foz todas as persoas pre-inscritas, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, neste caso co apoio do convenio asinado coa Deputación de Lugo, organizará unha segunda edición desta formación en Xove os días 14, 15 e 16 de decembro.  Queremos así dar resposta a toda esa xente que non tivo praza na primeira edición en Foz e facilitar o desprazamento ás persoas da Mariña Occidental”. 

Os profesionais do turismo que estean interesados en recibir información sobre esta segunda edición do curso Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19,  que terá lugar en Xove os días 14, 15 e 16 poden escribir ao correo turismo@amarinalucense.gal. As prazas son limitadas.