Do 14 ao 19 de novembro poderase visitar na Casa da Cultura de Burela a mostra "Vestimentas nas terras de Lugo", que organiza Ledicia.

Despois de moitos meses aletargados por mor da situación sanitaria, a Sociedade Cultural Ledicia retoma pouco a pouco a actividade achegando ata Burela unha exposición  sobre o traxe tradicional denominada Vestimenta nas Terras de Lugo.

A exposición é froito do traballo do Obradoiro Traxandaina de Lugo, e amosará unha ampla colección de pezas da vestimenta de "dominguear" da nosa provincia  de finais do século XIX e comezos do XX. Son pezas orixinais recollidas en distintos concellos e traballos de reprodución extremadamente coidadosos. 

A inauguración terá lugar o domingo, 14 de novembro, ás 18:00 horas, e contará cunha explicación detallada das pezas a cargo do propio obradoiro. Posteriormente poderá visitarse na Casa da Cultura de Burela ata o 19 de novembro pola mañá de 11 a 13 horas, e pola tarde de 17 a 20 horas. A entrada é libre e gratuita 
Desde Ledicia “convidamos á veciñanza a visitala e agradecemos o apoio e patrocinio do Concello de Burela”.