Do 2 ao 4 de novembro celébrase a XV Ruta 4X4 da Mariña, que organiza o Club Os Correcamiños. A cita reunirá a 500 vehículos.

Os días 2, 3 e 4 de novembro terá lugar a XV Ruta 4x4 Montes da Mariña organizada polo Club Os Correcamiños. Na presentación deste evento participou o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira.

A ruta 4x4 Montes da Mariña é unha das citas máis importantes de toda España no mundo dos 4x4, con 500 vehículos participantes (150 motos, 150 quads e 200 coches) procedentes de lugares como Portugal, Madrid, Teruel, Barcelona, Bilbao, San Sebastián, Ciudad Real, entre outros.
 
O programa de actividades comezará a desenvolverse o venres 2 de novembro cunha recepción e pinchos no pavillón do colexio Martínez Otero, de Foz. O sábado 3 haberá ruta polos montes da Mariña, que discorrerá polos concellos de Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Barreiros, Cervo e Foz. A comida será en Ferreira do Valadouro e despois de volver á vila focense os participantes cearán no pavillón do colexio Martínez Otero. Os puntos onde o público poderá ver este espectáculo son: Especial Ovos de Dinosaurio, na estrada da Ermida a Oirán, por onde  pasarán sobre as 10:00 horas; e Especial Brea, en Nois, por arriba da capela das Flores, por onde pasarán sobre as 16:00 horas. E as actividades rematarán o domingo 4 cun circuíto de velocidade e trial na antiga fábrica de Pardiñas a partir das 10:00 horas.