Do 20 ao 22 de novembro celébranse en Mondoñedo as II Xornadas Gastronómicas da Faba Verdina de Galicia.

O Concello de Mondoñedo e a Asociación de Produtores de Faba Verdina
de Galicia presentaron nun acto celebrado no Salón de Plenos do Concello
de Mondoñedo a segunda edición das Xornadas Gastronómicas da Faba
Verdina.
Estas II Xornadas Gastronómicas da Faba Verdina de Mondoñedo terán
lugar os días 20, 21 e 22 de novembro, e nelas participan un total de 11
locais de hostalería da localidade. A faba verdina voltará a ser a
protagonista das tapas servidas en Mondoñedo, de xeito que o público
poida desfrutar deste alimento “gourmet” e comprobar a súa
versatilidade na cociña.
Os locais participantes son: Bar Amencer, A Bodeguiña, Bar Castro,
Bodegón da Catedral, A Cova, Restaurante Padornelo, O Petisco, O
Porriño, O Rincón, Viñoteca Segundo (Centro Social) e A Tasca.
Este ano está resultando decisivo para o proxecto de Faba Verdina de
Galicia, cunha colleita de gran calidade e a consecución definitiva da
marca “FABA VERDINA DE GALICIA”, que distinguirá e certificará a orixe
galega desta legume no mercado.
No mesmo acto presentouse o Recetario de Verdina que recolle as
receitas elaboradas polos restaurantes e bares de Mondoñedo na edición
2019 das Xornadas, nunha edición que ten como obxectivo “animar ó
consumo de verdina” e que se suma ó resto de accións de promoción
postas en marcha en torno ó distintivo “FABA VERDINA DE GALICIA”.
A Asociación de Produtores de Faba Verdina de Galicia naceu na
primavera do 2019 co obxectivo de apoiar e promocionar a actividade dos
produtores desta faba e coa vista posta na súa comercialización directa,
tanto no mercado galego como a nivel nacional. Está constituída por
produtores de Mondoñedo, Trabada e Lourenzá. A Mariña lucense é
precisamente unha referencia na produción deste tipo de fabas en
Galicia, debido á idoneidade do solo e o clima.