Do 24 ao 26 de agosto celébranse no Barqueiro, no concello coruñés de Mañón, as VII Xornadas Memoria dun tempo, que organiza Nordés Faladora.

O 24 de agosto comezan no concello de Mañón, en O Barqueiro, as VII Xornadas Memoria dun tempo, organizadas pola asociación Nordés e que se desenvolverán ata o sábado 26.

Nesta edición as xornadas están totalmente dedicadas ao papel da muller dende a perspectiva da memoria histórica, e o xoves 24 intervirán Victoria Martíns Rodríguez e Ángel Rodríguez co relatorio O compromiso coa igualdade: unha visión de futuro desde a análise do pasado. Previamente proxectarase o seu documental Digna Rabia, ás 20:00 horas no salón de actos do Concello de Mañón.

O venres 25, participará Montse Fajardo Pérez quen forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, e é tamén autora de Matriarcas, mulleres en pé de vida e Un cesto de mazás. A súa charla leva o título de A memoria das mulleres no relato da represión franquista.

O sábado 26, fora do cartel e como novidade desta edición, terá lugar o acto Unha flor pola memoria sendo a ponte vella do Barqueiro o escenario desta actividade de recuperación da memoria histórica e de divulgación da cultura da paz. Será dende as 11:00 ata as 13:00 horas, está aberto a todo o público e o colectivo organizador convida a entidades sociais e particulares a colaborar nesta iniciativa xa sexa a través da creatividade artística ou simplemente achegándose ata o lugar para depositar unha flor pola memoria e contribuír así a escribir sobre o pavimento unha mensaxe de paz. Ás 13:00 horas terá lugar a V Homenaxe a republicanos/as e libertarios/as na mesma Ponte Vella.

O sábado pola tarde pasarase o documental de Margarita Ledo Andión Apuntamentos para un filme que está composto  por testemuñas de mulleres galegas emigradas a Arxentina no primeiro terzo do século XX. Posteriormente intervirá Pilar Cagiao coa conferencia titulada Ser muller e ser emigrante: a experiencia das galegas en América Latina. Esta xornada pretende ser unha chamada á participación  de todas aquelas mulleres da comarca que se queiran achegar para falar da súa experiencia na emigración.

Como peche destas VII Xornadas Memoria dun tempo actuarán María Manuela e Xurxo Varela nun recital no que a asociación Nordés quere homenaxear a tódalas artistas da canción en galego, personificadas neste caso por María Manuela, cantante cunha longa traxectoria.