En Mondoñedo será inaugurado o 25 de agosto o centro de interpretación de José Barro, o creador das industrias de Chavín.

Hoxe tivo lugar a presentación do centro de interpretación do empresario José Barro, que estará situado no antigo cuartel da Garda Civil de Mondoñedo. Apaga, a asociación de profesores de automoción de Galicia, é a impulsora do museo que será inaugurado o vindeiro 25 de agosto. O Concello mindoniense cede o local que o acolle e inviste na súa posta en marcha. Álvaro Doural, o presidente de Apaga, quere que sexa un espazo vivo, que poida ser visitado polos centros de ensino da comarca e un lugar aberto ao que se poida seguir aportando material sobre o creador das industrias de Chavín. 

No acto, que tivo lugar esta mañá no Concello de Mondoñedo, participaron o alcalde, Manuel Otero, a concelleira de Turismo, Elena Candia, o presidente e o tesoureiro de Apaga, Álvaro Doural e Francisco Javier Rodríguez, así como a responsable de accións internacionais da asociación, Sandra Gómez. 

Doural contou que “é o comezo do que vai ser o centro de interpretación da figura e obra de José Barro González, que foi o creador das industrias de Chavín. É o punto de partida e o día 25 vai ser a inauguración dese espazo, que vai estar no antigo cuartel da Garda Civil, na entrada a Mondoñedo”.

O presidente de Apaga explicou que “este proxecto arranca despois de varios anos traballando sobre a figura deste home, desde a posta en marcha das súas empresas. En 1896 foi o arranque ata 1943 que faleceu, e durante ese tempo foron ocorrendo unha serie de episodios. Foi un gran impulsor da industrialización de Galicia, coñecido ademais noutros países como Francia, Alemaña e Inglaterra, e incluso chegou a ter unha delegación de venda de vehículos en La Habana, en Cuba”. 

Álvaro Doural subliñou que “a empresa Hidrofersa, que ocupa as instalacións da antiga fábrica de Chavín, cedeu o material técnico e unha serie de documentación que quedaba da firma, que agora se vai poñer en valor en Mondoñedo, grazas á colaboración do Concello, que cede o espazo e vai facer unha importante inversión para que todo o mundo poida ver todo o material recompilado”. Segundo Doural “fíxose un traballo importantísimo a finais de 1.800 e ata 1.981, que foi cando pechou a última fábrica de José Barro”.
O  presidente de Apaga engadiu que “nós, como impulsores desta acción, entendemos que este ten que ser un espazo aberto a que todo o mundo poida colaborar. Cónstame que hai moita xente que terá documentación e cousas e que estará disposta a cedelas nalgún caso e noutro a facer unha copia para que sexa un espazo vivo en todo momento. Ademais doutro tipo de actividades, que van ser paralelas a este centro de interpretación de José Barro, nós imos empezar unha estratexia clara de que o museo ten que ser vivo, que ten que haber actividades e impulsar visitas de centros formativos, que non sexa a típica exposición senón que se vaian aportando cousas novas, esa é a filosofía con que nace este espazo”.