En Ribadeo dan comezo as rebaixas de verán e Acisa ambientará as rúas os primeiros días con música.

En Ribadeo dan comezo as rebaixas de verán. Os negocios da vila ofrecen interesantes descontos e Acisa ambientará as rúas os primeiros días con música. 

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, manifestou que “aínda que ata o dia 1 de xullo non se dan por inauguradas oficialmente as rebaixas, visto que moitas marcas nacionais adiantaron unha semana esta cita, dende Acisa quixemos dar comezo un pouco antes a este período de descontos comerciais. Por iso dende este luns damos por inauguradas oficialmente as rebaixas en Ribadeo, moitos comercios xa as adiantaron uns días, e outros estano a facer nesta semana. Durante xullo e agosto centos de negocios terán grandes descontos e múltiples artigos de tempada a prezos moi interesantes, polo que animamos á veciñanza e aos visitantes a aproveitar esta gran cita”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “nesta campaña de rebaixas coma noutras, desde Acisa apoiamos aos nosos negocios con materiais gratuítos, que xa foron repartidos, como cartelería anunciadora das rebaixas, tarxetas co antes e o despois da aplicación dos descontos correspondentes, así coma con publicidade en medios e redes sociais”.

Cruzado Iglesias dixo que “tras a boa acollida da novidade do ano pasado para este período de rebaixas, este ano quixemos volver imitar ás grandes superficies e poñer un fío musical os primeiros días de rebaixas que animen á cidadanía, veciñanza e visitantes, a mercar en Ribadeo. Este fío musical comezará o venres, 30 de xuño, e prolongarase durante a primeira quincena das rebaixas. A través da megafonía nas rúas escoitarase unha selección musical, aproveitando que o Ribadeo Indiano nos levará un ano máis a Cuba. Será en horario de 18:30 a 21:30 horas de luns a venres. E as fins de semana ampliarase para dinamizar esas horas nas que a xente regresou da praia, sae tomar algo e pode animarse a mercar”.

Pérez Prada engadiu: “como sempre dicimos Ribadeo é o mellor centro comercial aberto, xa que aquí se pode disfrutar dunha experiencia integral de ocio e de compras e queremos demostralo dando os mesmos servizos que as grandes áreas comerciais das cidades, por iso queremos recordar tamén aos nosos asociados e asociadas que para esta temporada de verán que xa comezou, dispoñen de múltiples materiais gratuítos que poden solicitarnos como bolsas para o comercio, envases de comida para levar para hostalaría ou mapas turísticos e pases para visitar as Catedrais destinados aos hoteis.  Así como os propios materias de rebaixas para comercio”.