Enrique Penabad será homenaxeado cun xantar de agradecemento en San Miguel de Reinante o 14 de marzo

A Agrupación Folclórica O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante (Barreiros), organiza un xantar de agradecemento a Enrique Penabad, que estivo 45 anos ao fronte deste colectivo. Será o día 14 de marzo, sábado, ás 14:30 horas nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante. E ao remate da comida haberá foliada.

O aforo é limitado e a data límite para comprar as entradas é o 10 de marzo.

“Di o refrán que é de ben nacido, ser agradecido. E neste caso, como para non selo! Pensar no Arco da Vella é pensar inevitablemente en Kike, que adicou 45 anos en corpo e alma á creación e mantemento dunha asociación que defende o folclore e que, ademais, fai pobo. E iso ninguén o pode negar. Falar do Arco da Vella tamén é falar de San Miguel e de Barreiros. O mérito está en facelo dese xeito incansable, sacrificando momentos persoais para que o grupo siga adiante, con devoción e creando sempre un bo recordo a todos e todas os que pasaron pola agrupación, porque se por algo se caracteriza Kike e por manter unidas ás persoas. Como non iamos facer unha festa para devolverlle unha pequena parte de todo o que el lle regalou ao Arco da Vella? Por iso animamos a compañeiros/as, excompañeiros/as e simpatizantes a que vos unades a este xantar de agradecemento, para poder rememorar historias de antano, para disfrutar da compañía e para facerlle pasar ao que foi 45 anos fundador e "alma mater" do Arco da Vella un día inolvidable”, explica a Agrupación Folclórica O Arco da Vella.