
Esta fin de semana, os días 10 e 11 de outubro, celébranse en Ribadeo as XXI Xornadas Mar por Medio, que analizarán a comunicación e a proxección dos valores xacobeos. Están organizadas pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia, as Universidades de Santiago e Oviedo e o Concello de Ribadeo.
A cita arrincará o sábado ás 9:30 horas no Salón dos Alcaldes. Haberá dúas conferencias, unha pronunciada por Ricardo Polín e outra por Darío Villanueva; e dúas mesas redondas Os Camiños de Santiago, rutas de comunicación: do local ao internacional e Os valores do Camiño de Santiago e o parecer das asociacións. Ademais os participantes visitarán o Santuario da Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante. O sábado rematará coa entrega de diplomas e co concerto que ofrecerá a Coral Polifónica de Ribadeo.
Xa o domingo no auditorio municipal de Ribadeo terá lugar a sesión solemne da Academia Xacobea de ingreso de John Rutherford como académico de honra e de Manuel Valín Valdés como académico correspondente. O final musical correrá a cargo da soprano Esperanza Mara.


