Exposicións, música, danza, teatro e espectáculos para os máis pequenos coforman a axenda cultural do Concello de Ribadeo para este verán.

Música, teatro, danza e espectáculos para os máis pequenos e pequenas da casa conforman a axenda cultural do Concello de Ribadeo para as vindeiras semanas, que hoxe foi presentada pola concelleira Pilar Otero. A programación arrinca este venres, 24 de xullo, cun concerto de MJ PÉREZ no Teatro. 

A edil ribadense dixo que “nunca presentaramos unha programación cultural nunha situación parecida.O confinamento puxo en evidencia que  a cultura lle presta un servizo á sociedade. Non só xerando produtos de lecer senón tamén dinámicas de cohesión social. É por iso polo que confeccionamos un plano cultural para o verán que tenta verse afectado o menos posible pola situación que vivimos. Así, logo de reorganizar os nosos espazos para adecuarnos ás condicións que se nos piden para frear a covid, neste plano de eventos para os meses de agosto e setembro e o que queda de xullo, atenderemos como temos por costume diversidade de ámbitos artísticos e de públicos. Esta programación conta coa colaboración de entidades como a Deputación de Lugo e a Xunta de Galiza, a través do programa Xacobeo 21 e Ler conta moito, e tamén do Ministerio de Cultura a través do programa Platea”.

Pilar Otero referiuse á plástica: “ata principios de agosto aínda temos a oportunidade de ver na oficina de Turismo as fotografías de Miguel Muñiz agrupadas co nome de Fráxiles raíces.Temos que dicir que anulamos as outras propostas plásticas que tiñamos previstas  nesta sala para o verán pois a actual situación que vivimos non fai aconsellábel favorecer a concentración de persoas nun lugar que xa de por si recibe moitas visitas de todo o mundo. Si terá actividade a sala de exposicións do parque San Francisco. Os primeiros días de agosto coa pintura de Ramón Jesús López Castro e a partir do día 10 coa obra de Carmela Villa Río. E xa a finais de setembro temos unha cita moi especial en canto que está organizada pola asociación A Concordia unha mostra de traballos do artista ribadense Suárez Couto”.

Concertos
A música estará presente na axenda cultural de Ribadeo para as vindeiras semanas: “este venres ás 21.00 horas no Teatro de Ribadeo teremos unha artista á que lle tiñamos ganas desde hai tempo, por dicilo dalgún xeito. MJ PÉREZ é cantautora, unha das voces revelación do vizoso panorama de mulleres cantantes galegas. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos en Galiza e Portugal. Suma xa catro discos a pesar da súa mocidade. No concerto en Ribadeo tocará os temas do último: A luz prendida. Abrirá o espectáculo o dúo de Tapia, mozos eles tamén, REDNESS. A entrada ao espectáculo costa 5 euros”.

Pilar Otero seguiu a relatar que “un xénero musical diferente é o que traen DAVIDE SALVADO e FRANSY GONZÁLEZ, que actuarán ao aire libre no mes de agosto no Cantón. Trátase dunha revisión da canción tradicional con 2 artistas de grande talle.  Recibiremos tamén ao grupo de acordeonistas da Mariña que actuarán no Teatro e tamén teremos pasarrúas, desta vez con BRASSICA RAPA, sete mulleres que ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop á música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Recollen sobre todo influencias das brassbands neoiorquinas, pero tamén das bigbands ou das charangas tradicionais. Espectáculo de rúa do xénero clown é o exitoso Saaabor, que vén da man da promotora Culturactiva. E por primeira vez Ribadeo acolle un dos concertos do Festival Bal y Gay, que chega á súa VII edición, máis cerca cada ano de ser un proxecto de música clásica para toda a Mariña. O día 24 de agosto no auditorio municipal Hernán Naval poderemos escoitar  a sinfonía núm. 3, Heroica, de Beethoven a cargo do Bal y Gay Ensemble. A agrupación está formada por mozos músicos das máis prestixiosas orquestras (Orquestra Nacional de España, Orquestra do Gran Teatro do Liceu, Orquestra de Euskadi, Orquestra da BBC de Escocia, Orquestra do Festival de Verbier, ou Orquestra Sinfónica de Hamburgo, entre outras) así como de intérpretes de distintas formacións que desenvolven unh acarreira profesional de nivel internacional. Ao longo as edicións participaron máis de 80 músicos profesionais neste proxecto”.

Teatro e Danza
Sobre teatro e danza a concelleira de Cultura sinalou que “entre as obras teatrais que o Covid obrigou a suspender no 1º semestre está Crónicas do paraíso, de Sarabela Teatro, unha das compañías máis importantes do país que trae unha versión das Crónicas do Sochantre, de Álvaro Cunqueiro. Para moitas persoas será tamén a primeira vez que vexan a Sarabela non dentro dun teatro senón ao aire libre. En setembro temos 2 espectáculos de danza, un que terá lugar en exterior, e outro, Blowing, de MUCAB DANS, no auditorio municipal. Ambos os dous, para todos os públicos”.

Otero Cabarcos contou que “así como falabamos de que a Sociedade A Concordia organiza unha exposición arredor do debuxo no artista ribadense Amando Suárez Couto, outra entidade, a Agrupación Cultural Francisco Lanza leva a termo as súas XVIII Xornadas de Historia Local , que este ano versarán arredor da toponimia das parroquias ribadenses e da outra beira do Eo por medio dunha charla e dun percorrido en barco pola ría. E divulgación tamén é acoller como fai a área de Medio Ambiente, unhas xornadas de astronomía con charlas e sesións de observación organizadas pola USC tituladas A astronomía nas rutas xacobeas, enmarcadas nos eventos do Xacobeo 21”.
Segue o programa Apego

A edil ribadense indicou que “comezamos cun clásico dos espectáculos de títeres galegos. A compañía de LARRAITZ URRUSOLAM, co mestre Kukas no deseño do retablo, presenta Dona Barriga Verde, no parque San Francisco. Con protagonista feminino, por primeira vez nas tradicións europeas, Dona Barriga Verde achega novas perspectivas  aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición, supón unha actualización das formas e xeitos do títere popular, reinterpreta o patrimonio inmaterial desta técnica titiriteira que nos axudou a purgar as inxustizas a través da risa durante séculos. Dona Barriga Verde integra elementos do Barriga Verde galego, creado por o noso veciño José Silvent a principios do século XX, con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas como son o Dom Roberto portugués, o Pulcinella italiano ou o Punch&Judy inglés entre outros”.

Pilar Otero engadiu que “por outra banda, PESDELÁN visítanos con Na palma da man, logo daquel Na punta do pé co que hai anos tiveran tanto éxito onda nós. Nesta nova proposta dannos a coñecer os bailes e danzas máis divertidos da Península Ibérica. Pai Paulino (Galicia), Galandún (Portugal) o Txulalai (País Vasco) son algúns dos nomes dos bailes que conforman este espectáculo, que como non podía ser doutro xeito, vai dirixido ao público familiar. Unha proposta divertida e saudable coa que pasalo ben en familia, sen importar a idade, sen importar a túa forma física, porque o realmente importante non se vé, síntese. E xa no mes de setembro, no Hernán Naval, dentro do ciclo ESCENA NORTE, temos un espectáculo da compañía asturiana Acar Teatro del Mundo,  La loka historia de Frankenstein. Para rematar, e dentro do programa Ler conta moito da Xunta de Galiza, a biblioteca municipal vai acoller tres espectáculos de animación á lectura, un deles para bebés”.