A Feira do Libro de Foz celébrase do 17 ao 20 de agosto na praza Conde de Fontao. E o festival Tentacle Summer será o 18 e o 19.

Este mediodía presentouse a Feira do Libro de Foz, que se inaugurará mañá, xoves. Hoxe dá comezo unha nova edición de Foz Market, feira que se prolongará ata o domingo 20. Ademais esta fin de semana en Foz terá lugar o festival de música electrónica Tentacle Summer, e o sábado e o domingo celebraranse o Festival do Emigrante, en Vilaronte, e a Feira de Gando en Cangas.

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “hoxe é un día de presentación dun fin de semana totalmente cargado de actividades de todo tipo: lúdicas, festivas e tamén culturais, como é o caso da Feira do Libro, que presentamos este mediodía. Hai que agradecer á federación de libreiros a súa organización e o Concello colabora no financiamento desta feira, que é moi importante para nós pois cobre un espazo dentro da cultura e do verán e encaixa perfectamente dentro das actividades que está desenrolando o Concello durante esta tempada. Inaugúrase este xoves ás 19:00 horas na Praza Conde de Fontao co pregón que vai dar o focense Xurxo Mariño”.

Ademais do rexedor municipal focense, no acto de presentación da Feira do Libro de Foz 2017 participaron a coordinadora xeral da Federación de Librarías de Galicia, Nani Regueira; e a xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez Rodríguez.

O rexedor focense manifestou que está “moi contento, porque imos ter un fin de semana cheo de actividades na Feira do Libro, pero tamén temos no día de hoxe a inauguración da Foz Market. Esta feira está máis dirixida á gastronomía con food trucks, que foron un éxito o ano pasado, pero tamén ao automóbil e ás actividades recreativas para os rapaces”.

Javier Castiñeira sinala que “coincidirá co festival de música electrónica Tentacle, que será o venres e o sábado. E entre os tres eventos na zona portuaria complementan un fin de semana cargadísimo de actividades que vai ser moi positivo para o pobo. Esperamos que haxa moita xente que poida gozar da diferente alternativa de ocio, festiva e cultural que vai ter o noso concello”.

Castiñeira engadiu que “nas parroquias, por un lado, haberá o Festival do Emigrante en Vilaronte o sábado e o domingo. Tamén eses días terá lugar en Cangas a feira de gando”.

O alcalde de Foz rematou comentando que “é un fin de semana con moitísimas posibilidades para gozar en Foz; e dende logo que esa é a liña que leva o Concello no verán. Esperamos que todos estes actos teñan o éxito que se merecen; e hai que dar as grazas, por suposto, aos organizadores e ás comisións, pois sen eles sería totalmente imposible chegar a ter unha axenda de actividades como esta”.