As festas patronais de Ribadeo comezan o 1 de setembro con teatro de monicreques e o pregón do profesor e escritor Carlos Álvarez Lebredo.

As festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo, comezan este sábado, día 1 de setembro, con teatro de monicreques e o pregón a cargo do profesor e escritor Carlos Álvarez Lebredo.

Os actos empezarán ás 19:00 horas no parque de San Francisco, onde a compañía Mircromina representará a obra de teatro de monicreques A familia unida. En caso de mal tempo este acto trasladarase ao auditorio municipal Hernán Naval. E ás oito e media da tarde no Teatro celebrarase o acto do pregón, no que actuará a Coral Polifónica de Ribadeo.

Carlos Álvarez Lebredo é fillo do músico Carlos Álvarez Fernández-Cid, de quen se celebra este ano o centenario do seu nacemento con varios actos na vila ribadense.

O pregoeiro das festas patronais de 2018 na honra de Santa María do Campo naceu en Ribadeo, reside en Santiago de Compostela e é profesor de Literatura Galega desde 1983. Leva publicados máis de 50 artigos de crítica literaria, outros tantos de temática musical e case 100 máis de temática ribadense. É colaborador habitual do semanario La Comarca del Eo e doutros medios. Escribiu tres libros:  Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez Fernández-Cid, en 2003; Música e Sociedade ribadense (1900-2000), en 2007; e Ribadeo. Dous pregóns de festas e unha invitación final, en 2004. Este último recolle o seu pregón da Xira de Santa Cruz de 1996 e o Pregón das Festas Patronais de 2004.

Ademais Carlos Álvarez Lebredo participou nas Xornadas Mar por Medio do ano 2000 en Ribadeo co relatorio titulado Anglicismos en galego; e interveu no curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela A Torre dos Morteno e a Arte do seu tempo, que tivo lugar en Ribadeo en 2011, coa conferencia titulada A música na sociedade ribadense a principios do século XX. Ao longo deste ano 2018 vai publicar media ducia de traballos centrados na figura de Carlos Álvarez Fernández-Cid.

A primeira verbena das festas patronais ribadenses terá lugar o mércores 5 de setembro a partir das 22:30 horas e estará amenizada pola orquestra Los Satélites.

O xoves, día 6, ás 16:00 horas haberá teatro en inglés para nenos: Storytime Under the sea by Kids&Us Ribadeo. Ás catro e media da tarde comezarán as actividades do Parque Diverneno, con inchables, festa da escuma e máis actividades. Neste acto colabora ACISA Ribadeo e se o tempo non acompaña trasladarase ao pavillón do colexio Gregorio Sanz. A verbena dese día comezará ás 22:30 horas e contará coa actuación da orquestra Marbella.

O venres 7, véspera do día da patroa, ás 11:30 horas saíran os cocos e cabezudos acompañados do grupo folclórico Amigos da Gaita. A partir das 22:30 horas haberá verbena coas orquestras Gran Parada e Ritmo Joven. E ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.

O sábado 8, día da patroa, ás doce do mediodía celebrarase misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión acompañada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo, que a continuación ofrecerá un concerto diante da Casa do Concello. E ás 22:30 horas empezará a verbena amenizada polas orquestras Gran Casino e Ibiza.

As festas patronais ribadenses seguirán o domingo 9 coa verbena que comezará as dez e media da noite e contará coas actuacións das orquestras La Favorita e Fénix. E o luns, 10 de setembro, será o día dos nenos con prezos especiais nas atraccións.