A fotógrafa ribadense Mª José Legaspi emprega a meditación para fotografar aos bebés nos seus primeiros días de vida. No seu estudio deseñan e confeccionan o atrezzo destas sesións newborn.

A fotógrafa ribadense Mª José Legaspi emprega a meditación para fotografar a bebés nos seus primeiros días de vida, unha técnica que cada vez ten máis adeptos, ao igual que as reportaxes aos futuros papás nos últimos meses de embarazo. 

Mª José Legaspi conta: “agora mesmo estamos centrando o 90 por cento do traballo nos recén nacidos. Empecei cuns clientes que son amigos meus e o seu bebé, que se chama Francis. Eu quería intentar durmilo para facer unha foto que lle vin a Anne Geddes, que é un referente para min; e saíume tan ben que a partir de poñer a foto, presentala a concursos e subila á miña páxina de facebook, empezaron a pedirma os clientes e así foi. O que tentamos no meu estudio é innovar cada vez máis”.

A fotógrafa afincada en Ribadeo manifestou que @s seus clientes “normalmente son noivas de vodas que facemos nosoutros e algún coñecido que ven tamén. Cando deciden ter fill@s tentamos que na semana 32, que é aconsellable para que as mamás aínda non estean moi desfiguradas, están moi guapas e non teñen aínda moita retención de líquidos, facemos a reportaxe de embarazo coa súa parella, a mamá sola ou con outro neno que teñan máis maior. Aí facemos unhas fotos de embarazo ata que nace o bebé ao que facemos a reportaxe. Se nace na semana 40 ou 41, cos nove meses de xestación, facemos as fotos cando ten entre seis e vinte días; e se é prematuro esperamos a que pese tres quilos”.

O proceso para facer unha reportaxe fotográfica dun recén nacido é longo: “cando sabemos que o neno ou a nena vai vir xa estamos informados previamente polos pais de se ten refluxo ou non, de se soe durmir máis pola mañá ou pola tarde, de se toma leite natural ou biberón. Entón eu o que fago é utilizar unha aplicación que me axuda a durmir aos cativos, poño unha camiseta que estea usada pola mamá para que ula a ela. E usamos desinfectantes, poñemos unhas calzas e unhas rodilleras, e unha mascarilla, en caso de que sexa prematuro,… e empezo a durmilos. O que fago é meditar con eles no colo, unha técnica que me ensinou o meu amigo Juan Luís Amor”.

Mª José Legaspi relata que “o tempo que leva durmilos depende do bebé e dos días que teña. Hai un proceso que é estado rem, que son como uns sete minutos, no que eles dormen profundamente. A nosa técnica é subirlle un brazo e deixalo caer; se non esperta entendemos que xa está durmido e aí empezamos a probar cunha cédula para que o flash salte e se non lle molesta seguimos. Entre unha e tres horas nos leva facer a reportaxe porque o que facemos é espilo, vestilo co noso atrezzo e logo durmilo así, vestidiño”. 

Outra das novidades é que no estudio de Mª José Legaspi ela e o seu equipo crean o atrezzo que empregan para cada bebé: “a maior parte do atrezzo é feito por nosoutros: roupa que é customizada, camisetas que ao mellor xa están gastadas, gorriños cun pantalón a xogo, mantas trenzadas, berces con retais que van quedando e que facemos con restos de caixas de froita que pintamos. Incluso hai xente que nos dá cestas xa antigas e pintámolas de cores. Neste traballo axúdame moito miña prima Vanesa Villarino”. 

A sesión fotográfica newborn aos recén nacidos chama cada vez máis a atención: “o número de bebés que pasan á semana depende, inflúe moito a lúa polos partos que hai. Pero normalmente temos oito á semana como mínimo. O traballo non é difícil se a nai está tranquila e non está moi preto; se a nai non palpita o bebé quédase tranquilo. É moi gratificante. Hai que pensar que a temperatura da sala ten que ser alta para que os nenos e as nenas non pasen frío; e empregamos outros trucos para que non noten que están sos nunha caixa, nun casco, nunha alfombra, etc…”.

Mª José Legaspi recoñece que “desde que Juan Luis me ensinou a meditación e unha técnica de durmir aos bebés a min vaime fenomenal. Tamén teño unha pluma sintética que utilizo para que xesticulen e sorrían nas fotos. Poño un guante de la para que non sintan a man fría e logo edito en postprodución. Os pais e os avós quedan encantados. Son moi agradecidos e é un traballo moi gratificante. Normalmente todos quedan moi contentos, todos volven e repiten”.

Sobre os outros traballos que fai no seu estudio a fotógrafa ribadense sinala: “eu fixen un pouco de todo e todo ten o seu aquel. Os nenos de comuñón son moi chocantes, moi bos, teñen moita picardía. As vodas tamén me encantan e a xente maior á que lle facemos fotos a domicilio, para dependentes sobre todo, tamén. Pero os bebés son outro mundo. A min encántanme e podería estar cinco horas sen problema, porque estaría encantada. É o que máis me gusta e é do que máis demanda teño”.