Hostaleiros de Covas (Viveiro) preparanse para unhas xornadas gastronómicas do "Trampantojo", que terán lugar o 28 de decembro.

A Asociacion de Hostaleiros e Comerciantes 'Beiras de Viveiro' (Covas-Viveiro) ten preparado para o vindeiro 28 de decembro unhas Xornadas Gastronómicas do “Trampantojo”, onde tratarán de ‘enganar’ —coa mellor e máis creativa das intencións— aos seus comensais propoñendo pratos que parecen unha cousa e que en realidade son outra ben distinta, buscando o xogo dos sentidos, a memoria e as percepcións gastronómicas.

Para irense preparando para esa cita, os hostaleiros de Covas están citados este mércores 13 de decembro pola tarde na cociña do Hotel Val do Naseiro, que cede as súas instalacións para que o chef Bruno Pena Arnaú, que dirixe o equipo do restaurante A Horta de Paula en Mondoñedo, lles presente unha “Master Class” coa que poder ir recollendo ideas para o dito “Trampantojo” que celebrarán no Día dos Inocentes.