Intensa axenda cultural en Ribadeo do 23 de decembro ao 5 de xaneiro. Haberá obradoiros, teatro e concertos.

No parque de San Francisco en Ribadeo permanecerá a pista de xeo ata o día 9 de xaneiro. Ademais a programación do Nadal inclúe o sábado, 23 de decembro, o XX Festival de Panxoliñas que se celebrará na igrexa parroquial de Santa María do Campo ás 20:45 horas, organizado pola Coral Polifónica de Ribadeo.

O mércores 27, haberá unha festa infantil no pavillón entre as 16:30 e as 19:30 horas, con inchables, obradoiros e animación musical.

Do 27 ao 29 terá lugar un obradoiro de iniciación ao crochet, de 16 a 17:30 horas. Será na Casa da Xuventude. A inscrición é de balde e pode facerse a partir dos 9 anos. Trátase dunha actividade interxeracional con “Aquí, como de 20”.

O xoves 28, na Casa das Letras, ás 20:30 horas, terá lugar o acto Conversas con Lionel Rexes, autor de A raíña das velutinas, organizado por A.C. Francisco Lanza.

O venres 29, Pistacatro representará Outono, un espectáculo de novo circo para toda a familia, que se desenvolverá no auditorio ás 17:30 horas. O prezo da entrada será de 4 euros, e de balde para os menores de 2 anos.

O sábado 30, polas rúas de Ribadeo celebraranse os V Cantos de Nadal, a partires das 18:30 horas e organizado pola Agrupación Belenistas de Ribadeo. Se chove, os cantos terán lugar na Escola de Música. Tamén ese sábado, a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o concerto Aquí como en Viena, ás 21:00 horas no Cine Teatro.

A programación cultural de Ribadeo continuará o mércores 3 de xaneiro, cunha actividade interxeneracional entre nen@s e maiores con Juan Silvent (Barriga Verde), chamada O cinema de antes, e que terá lugar no Teatro a partires das 16:30 horas. Ademais ás 20:00 horas, no auditorio municipal, celebrarase un concerto de música clásica ofrecido por Luca Camerata, patrocinado pola Deputación de Lugo e con entrada de balde.

Os días 3, 4 e 5 de xaneiro haberá un obradoiro de ferramentas dixitais. Será na Aula Cemit de 11:30 a 13:00 horas. A actividades está destinada a nenos e nenas maiores de 10 anos. 

E o 5 de xaneiro a Cabalgata de Reis percorrerá as principais rúas de Ribadeo.