Intensa fin de semana laranxa en Burela. O 5 de maio haberá festa na Praza da Mariña pola Copa da Raíña e o 6 dispútanse dous partidos na casa.

Tras unha pasada fin de semana chea de logros para o Pescados Rubén Burela FS, por parte do equipo masculino, selaron a segunda praza, asegurando o factor cancha, para os playoff, e o equipo feminino foi nin máis nin menos que Campión da Copa da Raíña por sexta vez, quinta consecutiva. Esta fin de semana toca celebralo en familia cos veciños de Burela e da comarca da Mariña, así que se celebrará unha festa na Praza da Mariña, organizada polo club de fútbol sala en colaboración co Concello de Burela, onde haberá música (con Fran de Nois), un inchable para que xs nenxs xoguen a "Dispara a Gol", barra de Estrella Galicia e venda de postais e material deportivo oficial do club. Tamén estarán á venda entradas para a final da Copa de Galicia de Futsal Feminino que se celebrará o próximo 17 de maio en Noia.

A festa celebrarase de 17.00 horas a 23.00 horas e ás 20.00 farase o recibimento co Concello de Burela e o ofrecemento da Copa ao pobo, onde o alcalde, Alfredo Llano, e o presidente do club, Manuel Blanco, dirán unhas palabras. Para completar a celebración, o sábado será Tarde Laranxa no Pavillón Municipal Vista Alegre de Burela, onde se disputarán os dous encontros do Pescados Rubén Burela FS desta fin de semana. Por unha banda, ás 18.00 horas xogarase o encontro da xornada 29 de Segunda Federación de Futsal Masculino, Pescados Rubén Burela FS - CDE El Valle e ás 20.30 será o encontro da xornada 27 de Primeira Federación de Futsal Feminino, outro dos grandes derbis galegos, Pescados Rubén Burela FS - Viaxes Amarelle FSF.

No encontro do equipo masculino atopámonos ante un rival en fase de descenso e xa sen opcións de salvarse esta tempada, a dous partidos de rematar a tempada e a 8 puntos do Martorell. Un equipo que xa non se xoga nada, xunto co próximo en Gran Canaria, serán bos partidos de preparación para os playoff para o conxunto. Segundo Nito sobre o CDE O Valle, "creo que ten xogadores con experiencia na categoría, así como outros máis novos que lles axuda a manter un equilibrio e veñen aquí sen presión de gañar" e sobre o seu equipo "creo que estamos sendo moi regulares, grazas a que somos un bo grupo e cada un sabe o traballo que ten que facer para o ben do equipo".

No derbi do feminino contra o Viaxes Amarelle FSF haberá un acto previo no que se fará o clásico pasillo durante o Fairplay ás gañadoras da Copa da Raíña e posteriormente a ofrenda da Copa á afección. Espérase un encontro disputado, o equipo coruñés atópase demasiado preto dos postos de descenso, perigo que comparte con varios equipos nunha final de tempada moi rifada para os últimos lugares da táboa. A falta de 4 partidos, o Viaxes Amarelle conta con 23 puntos, a 4 do primeiro equipo que ocupa estes postos, o Sala Zaragoza, con 19, que xogará contra o Leganés (equipo en situación similar con 24 puntos) este sábado. Como nos conta Patricia na previa desta semana, o Viaxes Amarelle é un equipo moi novo que está tentando saír dos postos máis baixos da táboa, "creo que nos imos a atopar cun equipo moi peleón, que quere salvar a categoría e nós tampouco podemos dar pé, porque nos estamos xogando aínda eses postos de arriba polo playoff, que logo a longo prazo, o factor cancha sempre beneficia", sobre o equipo "o equipo véxoo moi motivado despois destes tres partidos que xogamos, debemos seguir coa racha que levamos, encarar este final de tempada e loitar por seguir aí nos postos de arriba dos playoff".