Kaiaks, sendeirismo, xeoruta e espectáculo de marionetas son as actividades programadas polo Concello do Vicedo para o mes de xullo.

O Concello de O Vicedo presentou a súa programación sociocultural para este mes de xullo que dará comezo o vindeiro luns, día 5 de xullo, coa semana gratuíta de iniciación ao kaiak para xoves do Vicedo de 10 a 18 anos.

O día 7 de xullo ás 16:30 horas terá lugar a presentación dos mércores de natureza con táboas paddle sup e kaiaks pola costa de O Vicedo. O punto de encontro estará na praia de Arealonga. A idade mínima dos participantes é de 12 anos e haberá un prezo especial de inicio de 10 euros.

O 14 de xullo ás 22:30 horas celebrarase unha ruta de sendeirismo nocturna que discorrerá pola Ponte sobre o río Sor, Vicedo e Xilloi, cunha lonxitude de 7 quilómetros. A saída será desde a Ponte e opcionalmente, ao remate, haberá un chocolate/refresco/cervexa en Merendero Los Árboles. O prezo será 2 euros por persoa. Tamén ese día 14, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Vicedo, Pakolas presentará o espectáculo infantil titulado Ti debuxas…eu canto.

O 21 de xullo ás 16:30 horas desenvolverase unha ruta de kaiaks pola praia de Abrela, Fuciño do Porco, Cova da Doncela e Abrela. En caso de malas condicións marítimas haberá unha baixada do río Sor polas Ribeiras e O Vicedo.

O 24 de xullo ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Vicedo, haberá o espectáculo de marionetas titulado Saga de Flin Havardr de Trécola Producións, que conta como chegaron os vikingos a O Vicedo.

O 28 de xullo ás 10:00 horas terá lugar unha xeoruta polo litoral do Vicedo, de San Román a Xilloi. Coñeceranse as rochas cun pasado de máis de 470 millóns de anos. O punto de encontro será no parking da praia de Area Grande, en San Román, ás 10:00 horas. Esta actividade é gratuíta e haberá un máximo de vintecinco participantes. As inscricións poden facerse no 982 59 01 95.

O Concello de O Vicedo anuncia que, a final de mes, haberá algunha sorpresa que completará este programa.