
Lucía Legazpi López, de Ribadeo, viaxará en setembro a Lanzarote grazas ao Pasaporte de Acisa. Esta novidosa campaña concluíu co sorteo ante notario deste importante premio. Foi ás dúas da tarde na rúa San Francisco, desde o escenario de Nuevo Ritmo, o grupo que puxo a nota musical a este especial Domingueo en Ribadeo.
Exerceu de man inocente unha das compoñentes do grupo musical. O sorteo celebrouse ante a presenza da notaria Rocío de la Hera Ortega.
Na entrega da viaxe a Lanzarote participaron as concelleiras ribadenses Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, así como as directivas de Acisa Manoli Torviso e Trinidad Otero, xunto á presidenta e ao xerente do colectivo empresarial, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Durante toda a mañá foron moitas as persoas que se achegaron a depositar os seus pasaportes na urna instalada na rúa San Francisco para participar no sorteo da viaxe a Lanzarote e tamén na ruleta da sorte, que repartiu centos de agasallos durante esta calorosa mañá de domingo: parasoles, bolsas, mochilas, camisetas, sudaderas, blocs de notas, bolígrafos ou chaveiros.
A directiva de Acisa Ribadeo agradece “a Grupo Breogán, o seu patrocinio para esta campaña, que tivo como obxectivo dinamizar o comercio, a hostalería e os servizos durante máis dun mes; e a toda a fiel clientela dos negocios locais de Ribadeo polo seu apoio. Grazas tamén á colaboración do Concello de Ribadeo e ao seu persoal”. E animan: “a seguir apostando polo tecido empresarial local, xa que é o que crea emprega e o que lle dá vida ao noso municipio”.


