Máis de 250 padexeiros participarán nas regatas da VIII Liga Provincial de Piragüismo que promove a Deputación e que se celebrarán en Lugo, Ribadeo, Cervo e Viveiro.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García, e o Delegado da Federación en Lugo, Martín Carballo Méndez,presentaron este mércores a VIII Liga Provincial de Piragüismo, que terá lugar entre os meses de maio e setembro, nos Concellos de Lugo, Ribadeo, Cervo e Viveiro.O organismo provincial achega 20.000 euros para a celebración deste campionato, co que promover o deporte base, ademais de dinamizar a economía dos Concellos da provincia nos que se celebrarán as diferentes probas.
 
No acto tamén participaron representantes dos sete clubs da provincia que participan na competición: Manolo Castiñeiras, do Club Fluvial de Lugo; Sabela Castro, do Cidade de Lugo; Nicolás Docal, do Club Kayak de Foz; Marcos Illanes, do Club de Piragüismo de Viveiro; Iván González, do AD San Ciprián; e Alejandro Guitian do Club de Piragüismo Altruan.
 
Rivera Capón subliñou que “a Liga Provincial de Piragüismo cumpre oito edicións como un evento deportivo totalmente consolidado. Ao igual que en anteriores anos, máis de 250 pedaxeiros lucenses, de todas as idades, participarán en cada unha das seis probas programadas ao longo da primavera e o verán. Unha cifra á que debemos sumar os espectadores que se achegan a presenciar o espectáculo das regatas, e os familiares dos participantes, o que suporá unha importante contraprestación económica para os Concellos, dinamizando a actividade das vilas durante as fines de semana en que se celebre cada proba”.
 
O Deputado de Deportes lembrou que “somos a administración que máis colabora co piragüismo da provincia, pois tan só o ano pasado achegamos máis de 210.000 euros a promoción deste deporte coa posta en marcha do novo hangar de piraguas de Foz, as axudas para os clubs de piragüismo da provincia e as becas para padexeiros lucenses”.
Categorías e calendario de regatas
As embarcacións de todas as probas son individuais, tanto K1 coma C1, e participan as categorías veterano, sénior, xuvenil, cadete, infantil A, infantil B, alevín A, alevín B, e benxamín, tanto masculinas como femininas.
 
As probas teñen lugar sobre un percorrido de 5.000 metros para as categorías de veteranos, sénior, xuvenil, cadete con un tempo de control de 5 minutos, de 3.000 metros para categorías infantil A e infantil B con un tempo de control de 5 minutos, e 1.500 metros para alevín A e alevín B con un tempo de control de 5 minutos, e benxamín con un tempo de control de 9 minutos.
 
O calendario de regatas é o seguinte:
1 de maio - 1ª Regata Provincial Club Cidade de Lugo (Lugo)
17 de maio - 2ª Regata Provincial Club Fluvial (Lugo)
10 de xuño - 3ª Regata Provincial Club Piragüismo Altruan (Ribadeo)
7 de xullo - 4ª Regata Provincial Club Deportivo San Ciprián (San Ciprián)
8 de agosto - 5ª Regata Provincial Club Piragüismo Viveiro (Viveiro)
9 de setembro - 6ª Regata Provincial Club Kayak de Foz (Foz)