Mañás divertidas, kangoo jumps ou xogos acuáticos na praia de Lago son algunhas das actividades organizadas polo Concello de Xove para este verán.

O Concello de Xove presentou a súa programación de verán, para nenos, mozos e adultos.

63 nenos e nenas de 0 a 9 anos participarán no programa de conciliación, que funcionará desde o 24 de xuño ata o 4 de setembro. O Concello agarda que participen nas mañás divertidas, para rapaces de entre dez e 16 anos, arredor de trinta persoas. Así preto de 100 menores se beneficiarían da programación matinal do Concello de Xove.

Outra das actividades para as vindeiras semanas será o Verán Xove, que inclúe actividades deportivas como os kangoo jumps previstos para os venres e pensados para nenos maiores de doce anos. Tamén haberá fútbol sala e fútbol, ciclismo, sendeirismo, bádminton ou bolos.

Unha das principais novidades do programa para este 2019 é que todos os domingos haberá xogos e actividades acuáticas para dinamizar a praia de Lago. Os asistentes poderán desfrutar de kayaks ou de xornadas de pádel surf, tanto individual como en grupo. Durante este verán tamén haberá talleres de memoria, reciclaxe ou informática e excursións á Cova do Rei Cintolo en Mondoñedo ou ao Aquapark de Cerceda. 

O proxecto Vexo Xove está dirixido a rapaces con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. Consistirá nunha investigación do litoral do municipio que se plasmará nun díptico que amose o patrimonio natural xovense. A intención é que os participantes sexan embaixadores desta riqueza.

O programa para este verán do Concello de Xove foi presentado onte polo alcalde, Demetrio Salgueiro, a concelleira de Servizos Sociais,  Ana Abad, a edil de xuventude, Cristina Iglesias, e o presidente da ACD Xove, José Manuel Blanco.