A Mariña en Ruta, iniciativa da Mancomunidade, continuará o 13 de novembro polo Camiño Norte entre Lourenzá e Mondoñedo.

A sétima andaina de outono de A Mariña en Ruta continuará este sábado, 13 de novembro, polo Camiño Norte entre Lourenzá e Mondoñedo.

Esta iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña discorrerá polo treito que une Vilanova de Lourenzá, co seu imponente Mosteiro de San Salvador, ata a antiga cidade episcopal de Mondoñedo, un dos conxuntos históricos mellor conservados de Galicia. Son 9 quilómetros nos que os asistentes percorrerán diversos paisaxes do interior da Mariña e achegaranse ata os pequenos núcleos de poboación que axudaron a configurar esta antiga ruta medieval. A andaina estará guiada por Claudia del Pino. 

As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta e para calquera consulta poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49. 

O pasado sábado, 6 de novembro, os participantes no programa de A Mariña en Ruta foron descubrir un fermoso recuncho do concello de Barreiros, concretamente o paraxe natural de Santo Estevo do Ermo, a través dun magnífico paseo da man de Sofía López,  guía oficial de Galicia.

Unha vez reunidos os participantes no punto de encontro foron ata o acceso de Santo Estevo para camiñar este pequeno percorrido de 2 quiilómetros cheo de encantos. A vexetación autóctona, as lendas, historias e o simbolismo ligado á natureza e ás propiedades mineiro medicinais das augas do lugar foron protagonistas ao longo de todo o itinerario. Nesta ocasión esgotáronse as prazas e, entre os participantes, estivo presente o blogger de viaxes Alvientooo, quen foi compartindo a través das súas redes e plataformas dixitais algúns dos lugares do percorrido.