Mariña Patrimonio organiza unha charla sobre a toponimia galega. Será vía online o 20 de agosto.

Mariña Patrimonio continúa co ciclo de conferencias online, que iniciou o pasado mes de maio, organizando con Álvaro Crego unha charla sobre a toponimia galega. 

“E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa” é o suxestivo título da charla que se poderá seguir na canle de Facebook de Mariña Patrimonio o vindeiro xoves, 20 de agosto, a partir das 19.30 horas. 

Desde Mariña Patrimonio explican que “Álvaro Crego, colaborador do proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa da Real Academia Galega para documentar a enorme riqueza toponímica de Galicia, adianta que o seu relatorio centrarase na importancia de preservar un patrimonio cultural único no mundo: a riqueza toponímica da nosa terra e dos nosos mares. Tamén se falará sobre os factores que motivaron esta enorme riqueza e explicarase a mecánica para a recollida dos topónimos a través da aplicación da RAG, Galicia Nomeada”.