Mariña Patrimonio organiza unha visita aberta á sondaxe arqueolóxica do castro de Rueta para este xoves, 17 de setembro

Mariña Patrimonio organiza este xoves, día 17 de setembro, ás 17.30 horas, unha visita aberta ao castro de Rueta, en Cervo, para dar a coñecer os traballos arqueolóxicos que se están realizando esta semana no xacemento.

A intervención comezou o pasado luns e “permitiu xa poñer ao descuberto estruturas arqueolóxicas. Con todo, os traballos aínda se atopan nunha fase inicial e é demasiado pronto para determinar a natureza, función ou cronoloxía dos restos localizados”, explica Mariña Patrimonio, que engade: “durante a visita o equipo técnico de Tempos Arqueólogos, responsable da execución da sondaxe baixo a dirección do arqueólogo Fran Alonso Toucido, explicará ás persoas asistentes o traballo realizado, a metodoloxía empregada e as estruturas aparecidas ata o momento. Constitúe unha oportunidade excepcional para observar directamente a sondaxe, xa que a intervención rematará o venres co seu tapado, necesario para garantir a conservación dos restos”.

A organización da visita destaca que “a sondaxe foi promovida por Mariña Patrimonio e realízase grazas a unha subvención da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O Concello de Cervo colabora tamén na conservación do xacemento mediante o financiamento da limpeza e roza que se realiza anualmente no castro. A intervención dá continuidade ao estudo arqueolóxico de mínima invasión desenvolvido en 2022 por un equipo coordinado desde o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), coa participación do Instituto de Arqueoloxía de Mérida (IAM-CSIC)”.

A actividade está aberta a todas as persoas interesadas.

E o Concello de Cervo anuncia que apoia a intervención arqueolóxica que se está a desenvolver estes días no castro de Rueta, “unha actuación impulsada pola asociación Mariña Patrimonio e executada pola empresa Tempos Arqueólogos, coa colaboración económica tamén da Área de Cultura e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que ten como obxectivo avanzar no coñecemento e estudo deste importante xacemento arqueolóxico do municipio”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou os traballos e interesouse polo avance dunha actuación que “permitirá comprobar sobre o terreo os resultados da investigación non invasiva realizada a finais do ano 2022 polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Instituto de Arqueoloxía de Mérida (IAM). Aquel estudo, realizado mediante técnicas de prospección xeofísica como o xeorradar e o magnetómetro, permitiu identificar diferentes anomalías que poderían corresponderse con estruturas arqueolóxicas. Entre os resultados apuntábase á posible existencia de doce cabanas e dúas zonas nas que se terían producido combustións de importancia, así como á hipótese da presenza dalgún tipo de estrutura vinculada a un forno ou sauna castrexa. Os traballos que se están a realizar agora teñen como finalidade comprobar estas hipóteses mediante catas arqueolóxicas e obter novos datos sobre as estruturas e a cronoloxía do xacemento. Segundo avanzan as intervencións, os primeiros resultados están a ser satisfactorios, xa que nas catas realizadas xa apareceron dous muros, un achado que confirma a presenza de estruturas no subsolo e permite continuar avanzando na investigación. A intervención está dirixida polo arqueólogo Francisco Alonso Toucido e prolongarase ao longo desta semana. O equipo está a traballar nunha zona previamente identificada pola prospección xeofísica, onde se localizaran diferentes anomalías susceptibles de corresponderse con estruturas do castro”.

O Concello de Cervo explica tamén que “está a prestar a súa colaboración para facer posible a intervención, especialmente a través dos traballos previos de roza e limpeza da vexetación da contorna do castro, necesarios para acondicionar o espazo e facilitar o desenvolvemento das tarefas arqueolóxicas”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de seguir avanzando na investigación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico do municipio e puxo especialmente en valor o labor desenvolvido por Mariña Patrimonio: “é unha satisfacción poder colaborar con Mariña Patrimonio e co equipo arqueolóxico nunha actuación que nos permite seguir descubrindo e coñecendo mellor a nosa historia e o noso patrimonio”, sinalou.

García Caramés subliñou: “desde o Concello facilitamos tamén os traballos de roza e limpeza necesarios para preparar a zona e que o equipo puidese desenvolver as catas” e engadiu que “os primeiros resultados son moi interesantes, coa aparición xa de dous muros, polo que agardamos que, a medida que avance a intervención, poidamos seguir obtendo información sobre as estruturas que agocha o castro de Rueta”.

A rexedora municipal agradeceu tamén “o traballo e o compromiso de Mariña Patrimonio coa investigación e divulgación do noso patrimonio”, así como o labor do equipo de Tempos Arqueólogos, destacando que “cada novo achado contribúe a poñer en valor un patrimonio que é de todos e todas e que temos a responsabilidade de conservar e dar a coñecer”.