A Mariña, a Ribeira Sacra e Lugo serán os protagonistas ata o 21 de abril do programa Coñece a túa provincia da Deputación.

Veciñanza de sete colectivos da provincia participan esta semana no programa de viaxes da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia. Son en total preto de 150 as persoas que, dende este martes e ata o venres, percorren o territorio provincial coas viaxes gratuítas que impulsa a institución para entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade. A veciñanza esta semana procede dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Samos, Begonte, As Nogais, O Incio, Viveiro e Chantada.

Este martes é o estudantado do Colexio Público de Pedrafita, a través da Asociación de Pais e Nais de Alumnos, o que visitará o Centro de Interpretación Terras do Miño para despois percorrer o Centro Histórico de Lugo con paradas en lugares emblemáticos como a Muralla. Esta mesma visita, pero coa primeira parada na Produtora de Audiovisuais da institución provincial, realizarao mañá mércores o alumnado do CEIP de Samos. Ese mesmo día os usuarios e usuarias do Centro Recreativo, Cultural e Deportivo de Baamonde, en Begonte, visitarán o Mazo de Santa Comba para posteriormente coñecer o municipio de Quiroga.

Será o xoves a quenda de dúas asociacións de mulleres. Por unha banda, as Mulleres Rurais de Counavia, das Nogais, farán a primeira parada no Centro de Interpretación Terras do Miño antes de desprazarse ata o interior da Mariña para visitar Mondoñedo e Lourenzá. Por outra banda, e tamén con parada nesta comarca, pero nos concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol, a Asociación de Mulleres as Xeitoras de Eirexalba, do Incio, fará a súa primeira visita á Produtora de Audiovisuais.

Para rematar a semana, o venres será a quenda da Asociación Cultural Proa, de Viveiro, e da Asociación de Veciños San Juan da Alameda, de Chantada. Os mariñáns achegaranse ao Centro de Interpretación Terras do Miño e, posteriormente, coñecerán os concellos de Quiroga e Ribas de Sil. Pola súa banda, os da Ribeira Sacra irán cara o norte da provincia parando primeiro nas instalacións da Granxa Gayoso Castro e continuando a viaxe para coñecer os municipios de Guitiriz e Friol.

O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.