A Mariña será escenario do 10 ao 19 de maio da Raid Gallaecia 2019. Trátase dun evento deportivo multidisciplinar no que haberá participantes de todo o mundo.

A Mariña acollerá do 10 ao 19 de maio a celebración da Raid Gallaecia 2019, un evento deportivo multidisciplinar no que haberá participantes de todos os continentes. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, subliña a promoción que suporá para a comarca en todo o mundo. Este foi un dos asuntos abordados no pleno da Mancomunidade, celebrado onte, xunto coa presentación da nova páxina web deste ente, que terá lugar o vindeiro xoves, 30 de agosto, ás 12:30 horas no salón de plenos do Concello de Burela.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “aprobamos un evento deportivo que se chama Raid Gallaecia 2019. Vai ser no mes de maio, entre o 10 e o 19 de maio do 2019, vaise celebrar integramente na Mariña e vai estar presente nos dezaseis concellos que constituímos a Mancomunidade. É un evento deportivo multidisciplinar, polo tanto vaise ver ciclismo, barranquismo, atletismo, escalada, etc… Son probas moi duras que se fan por equipos, vai ter presenza de vintecinco nacionalidades diferentes, veñen dos cinco continentes e vai percorrer uns 500 quilómetros da nosa comarca”. 

Alfredo Llano dixo: “consideramos que vai ser un soporte deportivo extraordinario para dar coñecer e divulgar a nosa comunidade en todos os ámbitos, tanto no turístico, como deportivo e cultural. Vai ter cobertura mundial e será protagonista en todo o mundo durante a semana que dure esta proba. Imos ter unha boa maneira para divulgar as nosas cualidades e virtudes da comarca dunha forma extraordinaria. Cun gasto mínimo da Mancomunidade imos conseguir un rendemento máximo de divulgación da comarca. Pensamos que vai ser moi interesante. Hai que dicir que no ano 2019 soamente hai dous eventos deste tipo en toda Europa e un deles vai ser na nosa Mariña. Estamos todo o mundo moi convencido de que vai ser unha boa cousa para todo, en todos os aspectos”.