Mónica de Nut actúa o 20 de agosto no Eido Dourado, en Barreiros. Así remata o ciclo de concertos Sons ao Solpor.

A polifacética artista galega Mónica de Nut actuará o vindeiro domingo, 20 de agosto, nos xardíns do Eido Dourado en Barreiros. Será o broche de ouro aos concertos do ciclo Sons no Solpor que se viñeron celebrando durante este verán. A actuación comezará sobre as dez da noite e a entrada é gratuíta.

O artista barreirense Celso Dourado comentou que “este domingo imos poñer fin ao ciclo musical Sons no Solpor que celebramos os domingos durante os meses de xullo e agosto, e ímolo facer coa que eu considero posiblemente a cantante máis vangardista que temos no panorama do canto en Galicia, con Monica de Nut”.

Celso Dourado subliñou que “Mónica de Nut é unha cantante tremendamente polifacética. Podemos dicir que canta ópera, jazz, músicas de raíz e sobre todo música experimental. Ten unha experiencia grande na interpretación teatral, na danza contemporánea, estudou piano e pedagoxía musical, e formouse no canto lírico licenciándose na Escola Superior de Canto de Madrid e tamén na música tradicional galega, e por suposto no jazz”.

Dourado dixo que “Mónica de Nut leva moitos anos no panorama da música e do espectáculo en Galicia, é unha cantante polifacética, controvertida nos seus xeitos de actuar, é unha grandísima animadora de rúa, atrévome a cualificala case como unha muller espectáculo”.

O artista e promotor do Eido Dourado lembrou que “Mónica de Nut estivo no Eido Dourado hai catro anos máis ou menos presentando un novo proxecto e realmente deixounos un pouquiño a todos coa boca aberta. É desas cantantes que che deixan unha pegada importante. Daquela propoñémonos os dous que cando tivera un proxecto novo sería unha oportunidade grande presentalo no Eido Dourado e este ano tócalle. Vai presentar o seu novo traballo Raíces aéreas”.

O promotor do Eido Dourado recorda que “unha vez máis coa caída do sol, a partir das dez, escoitaremos esta grandísima voz e daremos fin ao ciclo Sons no Solpor no Eido Dourado por este verán”.