Música, humor, xogos infantís e un obradoiro de drons conforman o programa da Semana Santa Cultural do Concello de Cervo.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e  as edís de Cultura e Turismo, Dolores García Caramés, e Manuela Méndez, respectivamente, presentaron o programa da Semana Santa Cultural do municipio.

Unha axenda que se inaugurará este mesmo sábado co concerto do recoñecido arpista e músico polivalente Rodrigo Romaní, integrante durante máis de vinte anos do Grupo Milladoiro e que a partir do ano 2000 comezou a publicar discos en solitario.
A día de hoxe ten no mercado tres traballos: Albeida (2000), Cantos Caucanos (2003) e As arpas de Breogán (2012), e nestes intres está a preparar un novo disco que avanzará en primicia neste concerto.

Ademais, tal e como sinalou Caramés, “ao longo da semana proxectaremos películas para todos os públicos. Este mesmo domingo, por exemplo, será a quenda do filme a Praia dos Afogados, ás 20:00 horas”. Unha cinta galega de drama e suspense dirixida por Gerardo Herrero, adaptación da novela homónima do escritor Domingo Villar.

O martes , 11 de abril, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, e dirixida a un público infantil e xuvenil, proxectarase o filme Maimiño e o Espello Máxico, nomeada á mellor película de animación nos premios Goya 2016.

O sábado, 15 de abril, será a quenda do película Mustang, dirixida a un público xuvenil, na Casa da Cultura, ás 18:30 horas, nomeada á mellor película de fala non inglesa nos Globos de Ouro e nos Óscar de 2015.

Tamén programamos unha actividade que chamamos Enredos de Semana Santa, que será en horario de mañá, os días 10, 11 e 12 de abril, que comprende manualidades, xogos e un obradoiro de cociña para os nenos de infantil e primaria.

E unha novidade que nos gustaría destacar -engadiu-, e que cremos que vai gustar moito, é o obradoiro de drons, que terá lugar o luns, 10 de abril no Pavillón da Veiga en horario de tarde. A inscrición está aberta a partir dos 12 anos de idade e ata os 25. Os interesados en anotarse deben enviar un whatsapp ao teléfono 691656600, ou un correo electrónico a dinamización@concellodecervo.com.

Os inscritos poderán asistir a un espectáculo de pilotaxe e simulación de voo con gafas para cada participante, e ver en primeira persoa como funcionan os drons, tan de moda e con tantas aplicación a día de hoxe”.

O humor será outra peza importante na Semana Santa Cultural de Cervo, co espectáculo Premios Darwin,  de Carmen Conde, o mércores 12 de abril, ás 20:00 horas; e o venres, á mesma hora, viviremos outra tarde de risas aseguradas coa recoñecida humorista galega, Isabel  Risco, que traerá a Cervo o seu espectáculo Nabiza girl.

Villares quixo destacar que “se traballou na programación dunha axenda completa e variada coa que pretendemos chegar a todos os públicos, para que veciños e visitantes poidan gozar de actividades de ocio ao longo de todo esta período de lecer, e tamén co obxectivo de facilitarles ás familias do municipio diferentes alternativas para conciliar, na medida do posible, a vida familiar e laboral neste días festivos”.