Na Biblioteca Municipal de Barreiros haberá un obradoiro de gravado o 14 de maio

Con motivo das celebracións do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Pública Municipal de Barreiros acollerá o xoves 14 de maio, en horario de 18:00 a 19:30 horas, a actividade titulada Obradoiro de gravado con Begoña Caamaño, unha proposta organizada polo Concello de Barreiros e incluída no programa Ler conta moito.

O Concello de Barreiros explica que “a través da arte do estampado con linóleo, a cativada participante mergullarase na obra de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, dándolle cor e forma desde a súa propia creatividade. Cada neno e nena poderá facer a súa propia interpretación empregando esta técnica artística, explorando libremente a súa imaxinación nunha actividade creativa e participativa. O obradoiro está dirixido á cativada de 5 a 10 anos”.

As inscricións poden realizarse na propia biblioteca ou chamando ao teléfono 982.124.106 ata o luns 11 de maio.