Na Casa da Cultura de Burela pódese visitar ata o 28 de maio a exposición fotográfica "Auga. O sangue da terra", de Manuel Valcárcel.

Na Casa da Cultura de Burela inaugurouse hoxe a exposición Auga. O sangue da terra, de Manuel Varcárcel. A mostra permanecerá ata o 28 de maio e o horario de visitas será de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres. A exposición chega á vila da man de ABanca e Afundación, tras o convenio de colaboración asinado hai uns días co Concello de Burela.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, explicou que “é unha exposición de sensibilización sobre o elemento da auga porque realmente debe ser algo que nos debe preocupar e que debemos atender, que debemos xestionar e desde logo telo sempre presente en todo o aspecto da vida para que estea da mellor maneira posible do noso lado e tratar de ser responsables no seu consumo”.

O rexedor contou que “houbo alumnos esta mañá do IES Monte Castelo e basicamente o que viñemos a indicar un pouco todos é que debemos ter a responsabilidade clara de coidar a auga e o medio ambiente, se coidamos o medio ambiente a auga é un recurso que procede dunha boa xestión do medio ambiente”.

Llano invitou “a todo o mundo, a escolares, familias e a todos, a que vaian ver esta exposición. É unha mostra de moitas fotos que foron sacadas en moitos puntos do noso planeta. Eu creo que hai de todos os continentes e tamén de Galicia, hai unhas fotos do Caurel moi bonitas. Tratan todas elas da auga e é unha boa maneira de chamar a atención sobre a responsabilidade que hai que ter, a escaseza da auga que pode dar lugar a problemas, a necesidade do bo uso e ter en conta que entre todos debemos apoiar sempre ter da mellor forma posible este elemento. Invitar pois a todo o mundo, de Burela e de fora. É unha exposición que vai estar ata o 28 de maio, inaugurouse hoxe, e está na sala de exposicións da Casa da Cultura de Burela. Polo tanto convidar tanto a veciños e veciñas de Burela como da comarca da Mariña”. 

Ao acto desta mañá asistiron ademais de directivos de ABanca e de Afundación o alcalde burelés, Alfredo Llano, e o concelleiro de Cultura, José Díaz.