Na finca anexa ao Museo do Mar, de San Ciprián, pódese visitar a exposición “Surcando Mares”

O Concello de Cervo inaugurou a mostra “Surcando Mares”, na finca anexa ao Museo do Mar, que é propiedade municipal.

A exposición nace froito dun convenio de colaboración coa asociación Mar de San Ciprián, para a posta en valor desta parcela, a través da cesión de diferentes pezas relacionadas co mundo marítimo (áncoras, hélices, maquinillas, haladores…), propiedade de Moncho Rivas e de Ángel Fernández, instaladas nestes terreos “que pouco a pouco iremos convertendo nun museo ao aire libre para desfrute de veciños e visitantes”, precisou a alcaldesa.

Durante o acto, que arrincou cun concerto da orquestra do Conservatorio de Viveiro, na Praza dos Campos, a rexedora apuntou que “é un día importante para Cervo, no que poñemos en valor esta finca municipal anexa ao museo do mar grazas a un convenio subscrito coa asociación Mar de San Ciprián, e quixo agradecer especialmente a súa xenerosidade a Moncho e Ángel, pola cesión destas pezas procedentes de diferentes pesqueiros que  nos permitirán coñecer un pouquiño máis sobre o funcionamento  dos barcos e abrir así unha nova ventá de San Ciprián ao mar, como homenaxe ao mundo do mar e ás súas xentes”.

Esta exposición –engadiu- tamén nos permite reflexionar sobre a riqueza asociativa que temos en Cervo, porque o tándem Concello e Mar de San Ciprián, neste caso é un exemplo de que o traballo en equipo sempre é un éxito.

A alcaldesa animou a veciños e visitantes a que se acheguen a dar un paseo por estes terreos e“desfrutar deste museo ao aire libre, sempre con civismo e reponsabilidade, porque é de todos os cerveses”.