Nova visita guiada por Alfoz para coñecer a igrexa de Santa María de Bacoi e a capela do Santiago en Lagoa. Será o 20 de novembro.

Aberto o prazo de inscrición para realizar unha nova visita guiada do Concello de Alfoz. As persoas interesadas poden chamar ao 982 558 001 (ext.3) para anotarse ata o día 19 de novembro ás 14:00h. As prazas son limitadas e a actividade é gratuíta.

Desde o Concello explican “o sábado, 20 de novembro, ás 16:00 horas partirase desde a Casa do Concello en autobús para realizar o percorrido que nos levará ata a Igrexa de Sta. María de Bacoi e á Capela do Santiago en Lagoa. Acompañados por Dolores Barral, catedrática de Historia da Arte da USC, coñeceremos os rasgos máis importantes de ambos templos”. 

E sinalan “no caso de Sta. María, construída na primeira metade do s. XVIII, sobresae polo seu retablo de estilo churrigueresco, considerado un dos mellores exemplos do barroco galego. A Capela do Santiago destaca polas súas grandes dimensións cun amplo pórtico de entrada, a lápida relativa á súa fundación, así como o retablo de estilo do renacimiento popular, ou unha lámpada do s. XVI”.

As visitas forman parte dun programa da Área de Turismo Municipal para poñer en valor a riqueza patrimonial do Concello de Alfoz tanto para visitantes como para os propios veciñas e veciñas. Está encadrado dentro do Plan Único da Deputación de Lugo.