A novela "A montaña do poeta", de Lionel Rexes, preséntase no Valadouro o 22 de setembro.

A novela titulada ‘A montaña do poeta’, escrita por Lionel Rexes, presentarase en Ferreira do Valadouro este venres, 22 de setembro, ás 20:00 horas. O acto, incluído na programación cultural do Concello do Valadouro, será no local social do parque Concepción Arenal e intervirá Lionel Rexes, gañador do premio Lueiro Rey 2021.

A sinopse da novela é a seguinte: “É pouco coñecido o vínculo do escritor Antonio Noriega Varela, alcumado «O poeta da montaña», cunha vetusta construción situada no Alfoz do Castrodouro. Deste feito real parte unha ficción absolutamente contemporánea, unha trama que recrea o ocaso dun rural onde a mocidade loita por atopar oco e onde os anciáns, acompañados dos seus cans, matan o tempo morto legando a bagaxe da vida. No medio desta existencia rutineira, un suceso con esencia ideolóxica sacode a dinámica do municipio”.