Novo "Fin de semana tecnolóxico" en Ribadeo, organizado por Apaga. O 4 de novembro haberá un curso de pintura de vehículos.

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza un novo Fin de semana tecnolóxico, que terá lugar este sábado, 4 de novembro. Trátase dun curso de pintura de vehículos que será impartido por Constantino Gómez, técnico responsable de formación continua na empresa Axalta Coating Systems Spain. A esta cita acudirán profesores de automoción chegados desde Avilés, Santiago, Ponteceso, A Guarda, Verín e tamén Ribadeo, e participarán técnicos de empresas de Barreiros e Ribadeo. No curso abordaranse cuestións como os fondos de última xeración, barnices innovadores ou acabados especiais, entre outras.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, explicou que “nesta ocasión é un curso práctico de pintura de vehículos con seis apartados moi definidos. Por un lado aplicación de fondos de última xeración, bases bicapa, barnices innovadores, acabados especiais, aplicacións nun so pase e reparacións rápidas desde o fondo ata o barniz”. 

Doural detallou que “son novas técnicas que se van incorporar. O curso vai ser dado por unha empresa que colabora con nós desde xa fai uns anos que é Axalta Coating Systems Spain, que é dedicada a todo o tema de pintura e aplicacións. Vai vir un técnico de Madrid, que é o que leva a formación continua na empresa”.

O presidente de APAGA salientou que “vai ser un curso totalmente práctico. Vaise facer no servizo Opel de Ribadeo, que nos cede as instalacións para utilizar etse sábado en horario de mañá e tarde. Van participar profesores das catro provincias galegas, de Asturias e técnicos de empresa de Ribadeo e de Barreiros. Hai dúas empresas que están interesadas e posiblemente algunha máis vai vir, pero está aínda sen confirmar. Será un grupo de entre 10 e 15 persoas”.

Álvaro Doural engadiu: “pretendemos facer un curso todos os meses. A formación continua está poñéndose moi complicada porque o sábado é un día de descanso, e se o fas pola semana tamén é difícil, pero estamos satisfeitos porque está funcionando moi ben este programa. A principios de decembro faremos outro curso sobre climatización. Posiblemente imos empezar a abrir algún curso a outros colectivos que nos demandaron. Iso está aínda en proceso de estudo esta posibilidade”.

O presidente de APAGA dixo que “a idea é con este proxecto de Fins de semana tecnolóxicos facer un curso cada mes, de aquí a agosto que sería cando celebremos o sétimo foro”.