O 10 de novembro proxectarase na Casa da Cultura, en San Ciprián, a película "Casados coa Historia dun Pobo".

Este sábado, 10 de novembro, ás 19:00 horas o auditorio da Casa da Cultura acolle a proxección da película "Casados coa Historia dun Pobo"; unha actividade organizada pola delegación de Turismo do Concello de Cervo.

Trátase dun vídeo inédito de San Ciprián que durante 19 minutos nos traslada a unha década da que cada vez quedan menos testemuñas e na que prevalecen recordos como poden ser as rúas de area, o antigo faro, as casas, os vehículos, a roupa de época...

Estamos ante o primeiro vídeo dos anos 60 achegado por unha familia asturiana moi vinculada a San Ciprián, que pasa as súas vacacións na vila. 

Nesta película remontámonos exactamente ao 17 de setembro de 1961, data na que contraían matrimonio Paco Sampedro (de Ursulina) e Maribel. Con motivo desta celebración desprazáronse ata San Ciprián numerosos convidados dende Oviedo, precisamente foi un destes convidados quen filmou esta película (gravada en formato Super-8) e que non se recuperaría ata hai aproximadamente 10 anos, momento no que Paco Sampedro se atopou por casualidade co convidado, quen lle comentou que tiña esta fermosa reliquia. 

Desde o Concello sinalan: “queremos agradecer especialmente á familia Sampedro Martín a cesión desta película”.