O 10 de xuño terá lugar a carreira A Mariña 15K Mediolanum entre Burela e Foz. O evento foi presentado a carón da praia do Cabaliño.

O vindeiro domingo, 10 de xuño, terá lugar a carreira A Mariña Mediolanum 15K entre Burela e Foz. A proba presentouse esta mañá en Burela nas inmediacións do areal do Cabaliño.

A saída será ás 11 da mañá desde as inmediacións do Activity Center, en Burela, e a chegada será na praza Conde Fontao, de Foz. A proba é a segunda do circuíto 15K series Banco Mediolanum. Esa xornada tamén terá lugar unha andaina popular con saída ás 10 da mañá. Desde a organización subliñan que haberá autobuses gratuítos desde o peirao de Foz, tanto antes como despois da devandita proba.

Haberá 3 premios para os primeiros clasificados absolutos nas categorías masculina e feminina. O primeiro será de 200 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro de 100 euros. 

No acto de presentación Serafín Martínez, director técnico da A15K A Mariña destacou “o enclave e o percorrido espectacular, cun entorno único que atraerá a xente de toda Galicia”. 

O alcalde burelés, Alfredo Llano, referiuse “á importancia da organización de eventos entre concellos para dar a coñecer a Mariña, cun percorrido que aglutina cada vez a máis xente”.

O rexedor de Foz, Javier Castiñeira, agarda que “este evento deportivo se asente nesta zona. É importante a colaboración de concellos en diferentes proxectos, non so nos deportivos senón tamén noutros ámbitos”.

E pola súa banda, David Mayo, Family Banker de Mediolanum, dixo que “a carreira terá un compoñente solidario, a favor do proxecto Aproxima que promove esta entidade e que tenta axudar ás asociacións próximas. Agardo que esta proba se consolide aquí, xa que ten moi boas críticas entre os atletas de toda Galicia”. 

A inscrición para participar na carreira A Mariña 15K Burela-Foz péchase mañá, xoves, ás doce da noite. As persoas interesadas poden obter máis información e anotarse poden facelo a través da web www.championchipnorte.com