O 11 de novembro haberá teatro en Xove. O grupo Torta de Millo, de Guitiriz, porá es escena "Innoveitin... ou algo".

Este domingo, 11 de novembro, o grupo Torta de Millo de Guitiriz porá en escena a obra Innoveitin…ou algo. A representación terá lugar no salón de actos do Centro Cívico de Xove, ás 19:00 horas.

Trátase dunha comedia para todos os públicos, na que conta a historia dun grupo de xubilados e xubiladas que son convocados, case que obrigatoriamente, a asistir a unhas estrañas xornadas nas que deberán aprender a xestionar os seus anos de retiro. Teñen que adaptarse ao avellentamento activo, teñen que seguir traballando, nada do que fixeron ata o de agora é suficiente, pero tampouco están dispostos a entregarse facilmente. O seu plan é facerlles a vida imposible aos artífices de tan peregrina idea.

O grupo Torta de Millo naceu no ano 2013, no seo da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Guitiriz, sendo un obradoiro teatral que acabou por constituírse en grupo de teatro afeccionado. Dende aquela estrean unha obra por ano e está integrado por un mínimo de 13 actrices e actores, que apostan pola comedia e os textos da autoría propia do seu director, Anxo Manoel.

Esta actuación pecha o programa Buxiganga, coordinado pola área de Cultura da Deputación de Lugo, contando coa colaboración do Concello de Xove.