O 15 de abril celébrase a XII Feira da Artesanía do Ferro en Riotorto na que se darán cita 25 ferreiros chegados desde Asturias, Navarra e Galicia.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González,e o Presidente da Asociación de Ferreiros,José Manuel Cobo,xunto a outras autoridades,presentaron este luns a XII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 15 de abril. A presentación tivo lugar na Forxa de Manolo de Viñabella e, durante o acto, tivo lugar unha demostración en vivo de artesanía do ferro.

Campos Conde subliñou“o compromiso do Executivo Provincial con esta cita, coa que mantemos unha estreita colaboración nos últimos anos, posto que se ten convertido nunha referencia na nosa provincia. Deste xeito, achegamos 11.000 euros para a celebración desta décimo segunda edición da feira, que logra atraer a milleiros de persoas ao municipio, dinamizando a economía local e do conxunto da Mariña Lucense, ao mesmo tempo que poñemos en valor un oficio tradicional con demostracións en vivo, que supoñen un gran atractivo para os visitantes”.

O Presidente engadiu que “recentemente asinamos un novo convenio de colaboración coa Asociación de Ferreiros de Riotorto para a promoción do traballo destes profesionais, un traballo que forma parte da nosa historia e que,sen dúbida, se trata dunha sinal de identidade cultural e dun atractivo turístico da nosa provincia, especialmente, na Mariña Oriental”.

O convenio, por valor de 10.500 euros, permitirá a instalación nos obradoiros do ferro de Riotorto de paneis informativos e explicativos da historia deste oficio tradicional e da elaboración de produtos, para unha maior visibilidade. Ademais, os artesáns contarán cun deseño especial de embalaxe das súas pezas, cos que promover a súa marca. Deste xeito, serán pezas de artesanía feitas de madeira, nas que se comercializarán as súas pezas de ferro.

Máis colaboracións
Á achega do Executivo para a celebración da Feira do Ferro e o convenio asinado coa Asociación de Ferreiros de Riotorto engádese a colaboración que o Goberno da Deputación mantén a través da Fundación TIC coa realización dun documental a custe cerono que participan os profesionais desta asociación. Trátase dun traballo audiovisual que recolle as testemuñas dos ferreiros de Riotorto sobre a historia do seu oficio, experiencias, traxectoria, técnicas de traballo, elaboración das pezas... entre outros aspectos, co que se busca darlles unha maior promoción e a posta en valor do seu traballo. Ademais, a TIC da Deputación elaborou un vídeo promocional da feira que foi emitido na canle autonómica e nas redes sociais.

25 ferreiros participantes
A XII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto dará comezo ás 11:00 horas no recinto feiral cuberto baixo carpa, situado a carón da piscina e dos colexios, onde tamén se poderá degustar polbo e outra comida tradicional. O pregoeiro da feira este ano será Xosé de Cora, director Xeral do Grupo El Progreso.Participarán uns 25 ferreiros chegados de Riotorto, Navarra, Santiago de Compostela, O Corgo, Os Oscos, Fonsagrada e Becerreá. Por outra banda, haberá animación musical durante toda a a xornada coa actuación do Coro de Riotorto, a charanga Mekánika e os Gaiteiros de Riotorto e outras actividades destinadas aos máis pequenos como talleres infantís e espectáculos de animación.

Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro participou na presentación da XII edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto que terá lugar o vindeiro domingo, 15 de abril, nesta localidade lucense. A cita consolídase como un escaparate excepcional para poñer en valor e contribuír a que non se esqueza unha profesión que supuxo un medio de vida para moitas familias galegas, especialmente nun concello que conta cunha longa tradición artesás ferreiros, moas e mazos situados principalmente nas parroquias de Riotorto e Ferreiravella.

A Xunta de Galicia ten entre as súas liñas estratéxicas o apoio ás actividades de demostración de oficios tradicionais, e de aí que a Fundación Pública Centro de Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, apoie con preto de 10.000 euros esta cita, achega destinada ás demostracións dos ferreiros e ás vendas dos seus produtos.