O 15 de outubro Música Miúda chegará a Burela co espectáculo "As historias de bemol pequeno", un contacontos musical con entrada de balde.

O vindeiro sábado , 15 de outubro, ás 18 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Burela contará coa visita do Grupo Música Miúda. Nesta ocasión  presentarán “As Historias de Bemol Pequeno”.

Un ano máis, a Biblioteca Pública de Burela participa en Ler Conta Moito 2022, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas  entidades locais.

A través do mesmo as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.

Deste xeito as bibliotecas reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporcionan.

A actividade…

“As Historias de Bemol Pequeno “ é un contacontos musical , polo que camiñan personaxes como a Meiga Xela, o  dinosaurio Pepón ou a Banda do Carballo. Todos os contos e cancións son de creación propia e buscan ensinar á rapazada conceptos musicais básicos como o volume, as notas musicais ou as familias de instrumentos. Este espectáculo tivo un grande éxito durante o 2021, percorendo moitas bibliotecas e coles de toda Galicia.

Vide bailar e cantar connosco !! Na vila de Bemol Pequeno a música nunca para ! Ou si ? Vén resolver o misterio da música desaparecida da man da Meiga Xela, canta co dinosaurio Pepón  e baila ao ritmo da Banda do Carballo !

Música Miúda é unha banda composta por Irene Quintero, Miguel Alonso e Óscar Martínez.