O 2 de febreiro celebrarase en Mondoñedo a Festa da Árbore, que organiza a asociación cultural O Pasatempo. A cita cumpre 450 anos.

Desde a organización explican: Coma todos os anos, dende a Asociación Cultural O Pasatempo queremos celebrar a Festa da Árbore con unha xornada de actividades para pequenos e maiores que terán lugar o vindeiro sábado día 2 de febreiro en Mondoñedo. Pero este ano é un ano especial, por cumplirse 450 anos da primeira celebración, no ano 1569. Por eso, preparamos unha programación moi completa e convidamosvos a tod@s a participar con nós.

A partir das 10:30h da mañá na Praza da Catedral de Mondoñedo inicianse as actividades cun Roteiro da Árbore a cargo de Francisco Piñeiro, mindoniense de pro, que nos levará por todos os recunchos da cidade  recordando as zonas arboladas que existían e sumerxindonos no pasado cos ollos de hoxe. Ao remate, ás 12.00h e desde a Casa de Luis Luaces (ex-rexedor mindoniense a quén lle debemos esta celebración) arrancarán as carrozas polas rúas do pobo cos nen@s de GaitaEscola Mondoñedo e con destino á Alameda dos Remedios, lugar da primeira plantación aló polo ano 1569, onde a partir das 13:00h será o Pregón da festa a cargo do Cronista Oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa. E, por fin, a parte máis importante, a Plantación das Árbores. Sobre as 13:30h, con acompañamento musical de GaitaEscola e con recitado de poemas, plantaremos 2 Castaños de Indias, 1 Magnolio, 2 Azaleas e, como anecdótico, 1 árbore frutal rememorando as plantadas naquela primeira festa.

Descubrirase unha placa conmemorativa feita polo artesán canteiro Fernando Vilariño. Como broche á mañá, concerto da Banda de música Pascual Veiga de Mondoñedo ás 14:00h e convite gratuíto de liscos, pan e viño, simulando o banquete de Luis de Luaces da primeira edición. 

Xa pola tarde, desde as 16:30h no Auditorio municipal, as actividades para @s máis pequen@s. Primeiro cun Taller de bonecos de cartón e de Contacontos a cargo de Ton Arenas e, tras a tradicional merenda de pan con chocolate, a actuación de Kote Malabar. Ademais, durante toda a tarde estarán expostos os debuxos participantes no “VIII Concurso de Debuxo da Árbore”, realizados no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Escola Infantil de Mondoñedo, de onde sairon os debuxos gañadores para ser os carteis e trípticos da festa.

Como parte histórica, recordar que foi en Mondoñedo onde se celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa o 4 de febreiro do ano 1569 sendo rexedor Luis de Luaces, o cal ordenou plantar árbores frutais na hoxe Alameda dos Remedios (tras comprar os terreos para uso público) baixo pena de multa a quen non o cumplise. Para celebralo, trala plantación, ofreceu a todolos veciños unha comida campestre.