O 29 de xaneiro terá lugar no IES Perdouro, de Burela, o II Congreso de Imaxe Persoal no que se analizará, entre outros temas, o transplante de cabelo.

O vindeiro luns, 29 de xaneiro, de 8:30 a 14:00 horas terá lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela a segunda edición do ciclo de conferencias de imaxe Persoal. Esta ano o II Congreso de Imaxe Persoal leva por título "Adaptándose ao presente e ao futuro". Os contidos deste congreso están deseñados para o alumnado, profesorado de Imaxe persoal e para as empresas colaboradoras nos programas de FCT. 
 
O Dr. Salvador Ramos Rey, Director médico de Spa Loida (A Coruña), abrirá o congreso cunha conferencia titulada "O impacto do cancro na imaxe persoal". Tratará o impacto socio-sanitario do cancro na sociedade actual. Falará da atención na imaxe persoal dos pacientes en relación ás secuelas que provocan os tratamentos oncolóxicos desta enfermidade. 
 
A segunda conferencia "Cirurxía de trasplante de cabelo" coa técnica FUE será impartida por Javier Rouco Martínez, Xefe de Departamento do Ciclo de Imaxe Persoal do centro. O transplante de cabelo coa técnica FUE (Follicular Extraction Unit) é un transplante dos máis avanzado para tratar calvicies e alopecias tanto en homes como mulleres. É unha técnica de microinxerto capilar para unha redistribución sistemática dos folículos pilosos que consiste na introdución de pequenos inxertos de coiro cabeludo.